Deputación de Lugo

A Deputación fomentará o uso responsable da Internet entre os nenos a través do Lug02

Díaz Valiño participa na inauguración do programa “Brúxula” que formará a 5.000 rapaces da provincia sobre os riscos da Internet

O Deputado destacou a aposta do organismo provincial polas novas tecnoloxía a través do programa Innova-TE O Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, avanzou este xoves que o programa europeo Lug02 fomentará o uso responsable da Internet entre os rapaces. “Na páxina web deste proxecto incluiremos videoxogos, vídeos interactivos e mesmo unha mascota virtual para que, de forma didáctica e divertida, aprendan a valorar o gran patrimonio natural e paisaxístico que ten Lugo, que se animen a coñecelo, e tamén, que se sensibilicen sobre a importancia do medio ambiente e da súa preservación”. Díaz Valiño fixo este anuncio durante o acto de inauguración do programa “Brúxula”, organizado pola Asociación Galega Empresas TIC, e que conta conta co cofinanciamento do Ministerio de Industria. O Deputado provincial felicitou ós organizadores por esta iniciativa que formará a uns 5.000 rapaces da provincia sobre os riscos do uso da Internet. “A Internet é unha ferramenta imprescindible na sociedade actual e ten múltiples posibilidades en todos os eidos. É bo que os rapaces sepan navegar pola rede porque serve para formalos e informalos, e tamén para que se divirtan e poidan comunicarse con todo o mundo. Pero aínda que os beneficios son moitos, debemos estar alerta porque tamén ten inconvintes cando non se usa axeitadamente. É necesario que os rapaces coñezan os riscos ós que se enfrontan e que sepan detectar estes problemas”, dixo Díaz Valiño. Innova-TE O Deputado da Rede Viaria Provincial tamén apuntou que “cando estes nenos sexan adultos poderán relacionarse coa Deputación e os Concellos da nosa provincia a través das novas tecnoloxías. A implantación da e-Administración é o obxectivo doutro proxecto europeo que tamén conseguimos durante o actual mandato: o Innova-TE. Son 9 millóns de euros destinados á implantación das novas tecnoloxías na nosa provincia”. O obxectvo que persegue o programa “Brúxula” é que os nenos de entre 8 e 12 anos sepan como reaccionar ante os diferentes perigos da rede. O presidente de Agestic, José María López Bourio, dixo que “comeza hoxe en Lugo esta iniciativa que chegará a 20.000 rapaces de toda Galicia e a 5.000 da nosa provincia”. No acto tamén estiveron, entre outras personalidades, o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, a Concelliera de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela, o presidente de CONFAPA, Virgilio Gantes, e Nemesio Rodríguez, de Caixa Galicia.