Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca o éxito da liña de axudas ós autónomos e microempresas con 1.800 solicitudes

O Presidente da Deputación reuniuse con representantes dos sindicatos ós que lles informou sobre o Fondo Extraordinario para investimentos locais

O máximo responsable provincial anunciou que nos vindeiros meses os sindicatos serán convocados ás reunións do Plan Estratéxico da provincia O Presidente da Deputación reuniuse este martes cos representantes sindicais para informarlles sobre o traballo que está a desenvolver a Deputación en asuntos como o Fondo Extraordinario e complementario ó Fondo Estatal de Investimento Local ou as liñas de axuda ós autónomos. “Trátase de que nestes momentos, que son complicados, todos rememos na mesma dirección para sacar este país adiante na medida que nos toque, que neste caso é a provincia”. Gómez Besteiro dixo que “a xuntanza foi un intercambio de pareceres cos sindicatos. Creo que estas organizacións deben estar informadas sobre todo o que fai a Deputación en relación ó Fondo Extraordinario, dotado con preto de 1,5 millóns de euros, xa que imos financiar os proxectos técnicos, e os sindicatos deben saber que aqueles que leven a cabo estas obras teñen que implicarse á hora de contratar máis traballadores co obxectivo de que o Fondo sexa eficaz en toda a provincia”. No encontro participaron Jesús Castro, por CC.OO, Emérita Fernández, pola CSI-CSIF, Manuel Chaín, por UXT, e José Ferreiro, pola CIG. Con respecto a outras actuacións da institución provincial, o Presidente destacou especialmente “a liña de subvencións que abrimos ós autónomos. Os sindicatos están interesados en que ós autónomos lles vaia ben porque sosteñen grande parte da economía deste país e, ademais, contratan a traballadores”. Gómez Besteiro amosouse moi satisfeito “polo grande éxito que tivo esta iniciativa do INLUDES. Máis de 1.800 firmas pediron estas subvencións para asuntos tan básicos como pagar os recibos da luz ou do teléfono, pero tamén para outras cuestóns como renovar os equipos informáticos, que lles vai permitir xestionar mellor os seus negocios, ou subvencións para renovar os seus locais”. Por outra banda, na xuntanza cos representantes sindicais, o máximo responsable da Deputación tamén anunciou que nos vindeiros meses “haberá reunións do Plan Estraéxico, onde os sindicatos son unha peza fundamental, e tamén me comprometín a trasladarlles información periódicamente sobre temas de especial interese para a Deputación e a nosa provincia como é o Consorcio provincial de parques de bombeiros ou o desenvolvemento do pago do canon hidroeléctrico a Chantada e ó resto dos Concellos”. Axudas a autónomos Con respecto ó Plan de Subvencións de Apio ó Tecido Empresarial, que está dotado con 625.000 euros, recibíronse 1.839 solicitudes. “Os autónomos representan a metade dos solicitantes, a as axudas máis demandadas son as relativas á consolidación e modernización dos proxectos empresarias, que tamén supoñen o 50%”. Os autónomos, con 947 solicitudes, e as Sociedades Limitadas con 666, representan o 87% do total. O resto de solicitantes foron: 133 Comunidades de Bens; 42 Sociedades Limitadas Unipersonais; 22 Sociedades Civís; 22 Sociedades Anónimas; e 7 Sociedades Limitadas de nova Empresa. O programa inclúe 3 tipos de axudas: accesso á sociedade da información e da comunicación; consolidación e mellora do tecido empresarial; e para gastos de actividade. A liña máis demandada foi a que está destinada á consolidación e modernización dos proxectos empresariais, á que se presentaron 890 solicitudes. Segúronlle a de acceso á sociedade da información, con 637, e por último, as destinadas a gasto de actividade, 296.