Deputación de Lugo

A Deputación contribúe á rehabilitación dunha igrexa en Paradela co Plan de Comunidades Veciñais

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro inaugurou a infraestrutura de Aldosende á que o organismo provincial concedeu a máxima subvención para obras incluídas neste plan.

O titular provincial destacou que “estas obras, aínda que son pequenas, teñen gran importancia no rural pola súa utilidade e porque recuperamos o patrimonio histórico”. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este domingo a igrexa de Santiago de Aldosende, no Concello de Paradela, que foi rehabilitada con cargo ó Plan de Comunidades Veciñais do 2008. Os traballos incluíron a restauración integral do templo, na que destacou o arranxo da cuberta e do campanario, que corrían un alto risco de derrubamento. As obras precisaron dun investimento de 46.400 euros e o organismo provincial achegou 12.000, a máxima cantidade que outorga por cada axuda que se acolle ó Plan de Comunidades Veciñais. Gómez Besteiro descatou que “agora os veciños poden dispoñer da igrexa en perfectas condicións. Coa colaboración da Deputación, ademais de satisfacer a demanda veciñal, contribuímos a conservar o patrimonio histórico”. Neste senso, apuntou que “isto é un exemplo de que o plan provincial está a dar moi bos resultados no rural porque, aínda que non son obras de grandes investimentos, non por iso son menos importantes, xa que teñen moita utilidade”. A igrexa quedou inaugurada co primeiro día de culto desde a súa restauración, acto ó que asistiron sesenta veciños e o Obispo de Lugo. A anécdota do día estivo protagonizada pola veleta que foi colocada hoxe no tellado despois dos fortes ventos dos pasados días que impediran a conclusión dos traballos. A través do plan de comunidades veciñais, Paradela recibiu no 2008 un total de 21.410 euros, cos que foron acondicionados esta igrexa e varias pistas do municipio que dan acceso á parroquia de Abelleiroá e ó núcleo de Bariz. O Pleno provincial aprobou en novembro o novo Plan de Comunidades Veciñais. Dentro desta anualidade, a Paradela corresponderalle a mesma cantidade, que irá destinada ó acondicionamento dos accesos de Suar a Celmán, do lugar de Lombao, ó saneamento do camiño do Valiño, e á captación de auga para a igrexa parroquial de Santa María. O acto inaugural desta mañá contou coa celebración dunha misa, na que ademais de numerosos veciños, participaron os representantes da Comunidade Veciñal que solicitara a obra.