Deputación de Lugo

Besteiro inaugura o Congreso Intercomarcal da Unión de Pensionistas da UXT de Lugo

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación insistiu na necesidade de que a Xunta se implique dunha vez na creación de máis prazas de residencia na provincia e recalcou, en contraste, o gran esforzo que fai a institución que dirixe neste ámbito O encontro inaugurado este sábado celébrase cada catro anos para renovar comité executivo e debater inquietudes e demandas do colectivo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado no acto de inauguración do Congreso Intercomarcal da Unión de Pensionistas, Xubilados e Prexubilados de Lugo, Costa Lucense e Lemos do sindicato UXT, unha cita que se celebra cada catro anos co fin de renovar comité executivo e debater as inquietudes e demandas do colectivo. Gómez Besteiro aproveitou a súa intervención para reclamar unha vez máis á Xunta que se comprometa dunha vez coa creación de máis prazas de residencia da terceira idade na provincia. Fronte á falta de implicación do Goberno autonómico, recalcou que a institución que dirixe desenvolve un importante esforzo neste ámbito, con xestións para a posta en marcha de trece residencias: A Fonsagrada, Saviñao, Navia de Suarna, A Pobra do Brollón, Castroverde, Trabada, Pol, Guitiriz, Pedrafita, Meira, Riotorto, Ribas de Sil e Monterroso –neste último caso aporta unha axuda para rematar as obras-. A inversión global alcanza os 15,5 millóns de euros.

Na inauguración do congreso, celebrada no Hotel Jorge I, estivo tamén presente o secretario da Unión Comarcal da UXT de Lugo, Ángel Tomé Roca; o Subdelegado do Goberno, Manuel Vázquez Portomeñe; o secretario da FSP-UGT de Lugo, Eliseo Rivas, e Eladio Romero Ares, de UXT Galicia.

Unha residencia no antigo Xeral

Besteiro insistiu na idoneidade do recinto do antigo Hospital Xeral de Lugo para a creación dun centro residencial público de atención ós maiores asistidos e non asistidos, unha iniciativa que, como recordou, o PSOE levou para o seu debate ó Parlamento galego e o PP rexeitou. Neste senso, reclamou á Xunta que valore a proposta, tendo en conta que na capital lucense só hai dúas residencias públicas e teñen unha lista de espera de máis de 18 meses, e que hai máis de 30 anos que a Administración autonómica non constrúe un xeriátrico na cidade. En calquera caso, “resulta imprescindible” que o Goberno galego aclare a que destinará o espazo do Xeral, sinalou.

Por outra banda, avogou por ter sempre en conta a opinión do colectivo de xubilados e pensionistas para definir políticas de benestar social de cara a mellorar a súa calidade de vida. Neste sentido, mostrouse partidario de emprender medidas que favorezan o envellecemento activo, como as que desenvolve In Lugo, o primeiro Centro de Innovación Social do Noroeste de España, impulsado pola Deputación co financiamento do Plan Avanza do Ministerio de Industria. Este centro ofrece actividades de divulgación e formación para que os maiores manteñan unha vida social e mental activa, pero tamén para que se familiaricen co manexo das novas tecnoloxías e romper así a denominada fenda dixital entre os máis novos e os maiores.

Demandas da agrupación

En canto ás inquietudes formuladas no congreso de hoxe pola Unión de Pensionistas, Xubilados e Prexubilados de Lugo, Costa Lucense e Lemos, figuran precisamente a creación de máis prazas de residencia, pero tamén de gardería pois o coidado dos nenos está recaendo nos avós ante as dificultades para a conciliación de vida laboral e familiar coas que se atopan os pais. Entre outras demandas, o colectivo tamén propón que a capital lucense sexa Cidade Amigable cos Maiores, un recoñecemento que outorga a Organización Mundial da Saúde (OMS) e que na actualidade en España teñen Victoria, San Sebastián e Barcelona, entre outras. Para obtelo hai que cumprir cunha serie de requisitos relacionados cunha maior accesibilidade e dotación de servizos para os maiores.