Deputación de Lugo

A Deputación reitera o seu apoio ó mantemento do Máster de Enxeñería Industrial en Lugo

Imaxe deputación de lugo
A Deputada de Economía participou na manifestación celebrada esta mañá na cidade como mostra do rexeitamento á supresión desta titulación na provincia lucense O organismo provincial aprobou recentemente un acordo para solicitar á USC que garanta a continuidade no Campus lucense do profesorado, o estudantado e o persoal investigador

A Deputación reitera o seu apoio ó mantemento do Máster de Enxeñería Industrial en Lugo. A Deputada de Economía, Regina Polín, participou este martes na manifestación en contra da supresión desta titulación na provincia. Polín destacou que “a Deputación respalda este Máster porque a dinámica na que estamos é de non perder nada e de seguir implicándonos de cheo na ampliación do Campus e na construción da Escola de Enxeñería Civil”.

A Deputación está disposta a colaborar tanto dende o punto de vista económico como na execución das melloras que sexan necesarias para que esta disciplina se manteña. O organismo provincial xa deu o primeiro paso a este respecto. A Xunta de Goberno provincial aprobou recentemente un acordo para solicitar á Universidade de Santiago de Compostela que garanta o mantemento desta e outras titulacións, co obxectivo de asegurar que o profesorado, o estudantado e o persoal investigador continúen desenvolvemento a súa actividade no Campus lucense.

O apoio do organismo provincial ó Máster de Enxeñería Industrial inclúese dentro da aposta polo Campus de Lugo. Deste xeito, o Pleno de marzo aprobou por unanimidade a expropiación da parcela comprendida entre a Avenida Pablo Iglesias ata a rúa das Pedreiras que representa 11.756 metros cadrados. Trátase dunha actuación que se enmarca no proxecto do Campus 2015 para o que a Deputación achega máis de 7 millóns de euros.

Nesta zona situarase a Escola de Enxeñería Civil cuxas obras foron contratadas polo organismo provincial en abril por valor de 3.840.000 euros. Logo desta primeira, a Deputación actuará nas outras dúas zonas previstas: a comprendida entre a Avenida Bernardino Pardo Ouro e a Avenida Pardo Iglesias (13.633 metros cadrados) que se adicará ó sector servizos, e a rúa das Pedreiras e a nova rotonda (11.772 m2) onde se construirá un polideportivo. O organismo provincial inviste 4,6 millóns de euros en ditas expropiacións.