Deputación de Lugo

A Deputación facilita ós lucenses maiores de 50 anos tratamentos termais

Besteiro e Buján presentaron “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”, o programa que subvenciona servizos en balnearios e casas rurais, situadas nas rutas Xacobeas da provinciaA Deputación ofrece, dende agosto e ata decembro, descontos de 34 euros por persoa nos balnearios de Lugo, Guitiriz, Palas de Rei e Pantón, e nas casas rurais da zonaEn xuño, todos os interesados poderán solicitar unha praza mediante Internet, na web www.deputacionlugo.org, ou de xeito presencial no rexistro do Pazo de San Marcos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Veiga Buján, presentaron este xoves o programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”. Trátase dunha iniciativa que, tal e como indica o seu nome, combina saúde, benestar e turismo. Está dirixida a veciños da provincia maiores de 50 anos, ós que lles facilita o acceso ós tratamentos termais que ofrece a provincia, como unha alternativa de saúde que mellore a súa calidade de vida, potenciando o turismo interior. Para elo, o organismo provincial subvenciona un total de 1.750 prazas nos 4 balnearios lucenses situados en Pantón, Palas de Rei, Guitiriz e na capital lucense, así como nas 50 casas rurais máis próximas a estes establecementos, é dicir, as afincadas na Ulloa, Terras do Miño e Ribeira Sacra.

Gómez Besteiro salientou que “unha das principais conclusións ás que chegamos no Congreso de Turismo que celebremos na Deputación, é que hai vida despois do Xacobeo. Por iso impulsamos unha iniciativa que aposta pola saúde e o benestar para reactivar a economía. Este programa está vinculado ó turismo, ós Camiños de Santiago que atravesan a provincia, e ó sector hoteleiro. É unha alianza porque se ó sector privado lle vai ben, a nós tamén”.

Na presentación da programación estivo, ademais do Presidente e da Vicepresidenta Terceira da Deputación, o membro do Consello Reitor do Inludes, Manuel Dacosta, e o Subdirector Xeral da cadena OCA Hoteles, Arturo Rodríguez, quen salientou que a iniciativa da Deputación “estimula o benestar social mediante os tratamentos termais, apoia as infraestruturas hoteleiras, ó tempo que impulsa un sector como o turismo, que representa o 40% da riqueza do país”.

Descontos por persoa

O programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago” ofrece, dende agosto e ata decembro, descontos de 34 euros por persoa nos seguintes paquetes:
- 6 días con 5 noites de estancia
- 5 pensións completas con comidas e ceas incluídas
- día de entrada domingo: cea e aloxamento
- día de saída venres: almorzo e xantar
- 2 técnicas de balneario durante 4 días
- 1 recoñecemento médico
- de luns a xoves: programa de animación sociocultural

As 1.750 prazas do programa distribúense da seguinte maneira, en función das posibilidades expostas por cada centro: Balneario de Lugo Termas Romanas, 50 prazas; Balneario Oca Río Pambre, 100 prazas; Guitiriz Hotel Balneario & Golf Club, 450 prazas; Oca Augas Santa Balneario Golf Resort, 750 prazas; Casas de Turismo Rural na Ulloa, Terras do Miño e Ribeira Sacra, 400 prazas.

No mes de xuño, o organismo provincial abrirá o prazo de solicitude para que todos veciños maiores de 50 anos poidan solicitar unha das 1.750 prazas mediante a páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.org, ou de forma presencial no rexistro do Pazo de San Marcos.

Riqueza termal da provincia

A provincia lucense conta con 4 balnearios situados a pé dos Camiños Primitivo, Francés e de Inverno que, segundo datos dos propios establecementos, reciben ó ano 120.000 persoas, xerando un volume de negocio de 7 millóns de euros. A maiores, ó situarse en zonas rurais, os balnearios contribúen ó asentamento poboacional. As mesmas fontes indican, que estas instalacións xeran máis de 200 postos de emprego directos na provincia. Na tempada alta, que transcorre dende marzo a setembro, esta cifra ascende ós 300. Deste xeito, con esta iniciativa, que conta cun presuposto de 60.000 euros, a Deputación contribúe a manter centos de traballos na provincia.