Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras do Centro de Recría cumprindo os prazos establecidos

As máquinas comezaron a preparar o terreo onde se construirán as 13 naves para 3.000 novillas, e as 370 casetas nas que se realizará a recríaLogo do remate destes traballos en 9 meses, dotarase o interior das naves e instalarase a depuradora para converter 28.000 m3 de purín -o 100% dos residuos- en enerxía

Tal e como anunciou o pasado venres o Presidente da Deputación -José Ramón Gómez Besteiro- durante a sinatura do convenio coa empresa Tragsa, o organismo provincial iniciou hoxe as obras do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro, dotadas con 6 millóns de euros e financiadas na súa totalidade pola insitución provincial. A licitación da infraestrutura acométese en dúas fases co fin de axilizar os traballos bloqueados pola Xunta, administración que tardou máis dun ano en conceder a declaración de impacto medioambiental (DIA) -documento imprecindible para iniciar as obras-, e polo anterior equipo de goberno provincial que mantivo estas instalacións sen licenza de actividade. O Deputado e Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, salientou que “malia as trabas do Executivo galego, Deputación e Concello poñemos en marcha as obras do proxecto gandeiro máis revolucinario en Galicia nas últimas décadas, que redundará no benificio dos veciños dunha provincia eminentemente gandeira”.

As máquinas comezaron a preparar o terreo para levar a cabo as tarefas de desbroce e valado da finca. Estas actuacións prolongaranse durante todo o mes de tal xeito que, a principios de xuño, comezarase coa construción das 13 naves que acollerán as 3.000 novillas, así como as 370 casetas para a recría que ocuparán 25.000 metros cadrados.

Simultáneamente, acometerase a instalación do saneamento, abastecemento de auga e servizo eléctrico, ademais do traslado do invernadoiro no que os alumnos das titulacións relacionadas coa Horticultura e Xardiñeiría do Instituto de Castro de Rei realizan prácticas. Concluídas estas obras, que teñen un prazo de execución de 9 meses, iniciaranse os trámites para a segunda adxudicación. Esta parte inclúe a urbanización, dotación interior das naves e instalación da estación depuradora, que permitirá que o Centro sexa autosuficiente, é dicir, con capacidade para xestionar o 100% dos residuos que xeren na Granxa, converténdoos en enerxía. As 3.000 novillas xerarán 28.000 metros cúbicos ó ano de purín, o que obriga a facer unha xestión racional.

O Centro de Recría é o proxectos máis ambicioso levado a cabo en Galicia nos últimos anos. Triplica a capacidade dos 14 que existen na actualidade na Comunidade e permite ós gandeiros que as súas explotacións sexan máis rendibles economicamente, reducir os custes que supón facer a recría e mellorar a calidade xenética da cabana gandeira.

Ademais, o Centro de Recría convertese nun escenario de investigación, aberto ós alumnos de Veterinaria e doutras facultades, especialmente innovador no seu modelo de xestión medioambiental de residuos.