Deputación de Lugo

A Deputación puxo hoxe á venda en lugares estratéxicos os primeiros 150 produtos Lugo Sabe

Imaxe deputación de lugo
Besteiro e as firmas colaboradoras presentaron un dos 14 expositores distribuídos en supermercados Cemar ó longo das provincias de Lugo e Coruña, e en 4 estacións de servizo da A-6 á altura do Corgo e GuitirizLogo da incorporación de novos produtos e da avaliación dos resultados nas vendas, a Deputación incrementará os puntos de venda, situando máis stands fóra da provincia O Presidente anuncia que, debido a demanda das empresas agroalimentarias da provincia, na seguinte fase de Lug02 incorporaranse produtos de fóra das Reservas da Biosfera

Dous días despois de conceder a marca de garantía de calidade Lugo Sabe ós primeiros 150 produtos autóctonos da provincia, a Deputación puxo hoxe en marcha a primeira medida para potencialos. Hortalizas, mel, pan e derivados, queixos, carnes de vacún e porcino, así como embutidos ou doces de 35 empresas agroalimentarias da provincia, xa se atopan á venda en tendas de Cemar, Cafestore e La Palloza Gallega. O Presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, e a representante de Cemar, Ana María López Amarante, presentaron este venres, no supermercado de dita cadea na rúa Quiroga Ballesteros da capital, un dos 14 expositores distribuídos dende hoxe polas provincias de Lugo e A Coruña.

Gómez Besteiro salientou que “hoxe comezamos unha nova etapa que temos vontade de continuar. Xuntos, faremos que se recoñeza a calidade dos nosos produtos e que soen en todas partes. Dende o mércores, recibimos moitas chamadas de xente que quere incorporarse. Por iso, na segunda fase de Lug02 incorporaranse produtos autóctonos de fóra das Reservas da Biosfera. Ata o momento, esta é unha obriga da Unión Europea”.

Dende hoxe, os primeiros produtos que posúen o distintivo do organismo provincial pódense mercar nos establecementos de Cemar en Pobra de San Xillao, Ribadeo, Ferreira do Valadouro, Meira, Castro Riberas de Lea, Palas de Rei, nas rúas Quiroga Ballesteros e Monteros Ríos da cidade lucense, así como en Ortigueira e Cedeira, na Coruña. Ademais, tamén se venden nas 4 estacións de servizo da A-6, á altura de Guitiriz e O Corgo.

Unha vez que se avalíen os resultados deste proxecto piloto, a Deputación incrementará o número de expositores, levando os produtos Lugo Sabe polas máis de 40 tendas que posúe Cemar na Comunidade. Da mesma forma, tamén estudará o nivel de vendas nos establecementos da autovía A-6, -transitada a diario por 10.200 clientes potenciais, segundo datos de Fomento-, co obxectivo de levar máis “stands” a outras estacións de servizo e puntos estratéxicos.

O organismo provincial inviste nesta iniciativa, enmarcada en Lug02 , 60.000 euros. Dentro deste mesmo programa cofinanciado nun 70% con fondos da Unión Europea, a Deputación porá en marcha en maio novas medidas de comercialización dos produtos autóctonos. Trátase da primeira plataforma de comercio electrónico na provincia. Será un espazo onde, de xeito totalmente gratuíto e as 24 horas do día, as empresas lucenses poderán anunciar, vender e distribuír os produtos agroalimentarios. Nas vindeiras semanas, abrirase a listaxe para que todas as empresas que o desexen se sumen, sen custe algún, a esta iniciativa.

Produtos á venda

Os 150 primeiros produtos Lugo Sabe postos á venda son moi diversos: hortalizas (pementos, cebolas, tomates, nabos, xudías...), mel, pan e derivados (empanadas, bolos preñados....), queixos (San Simón da Costa, de Tetilla, Galego, do País..), carnes de vacún e porcino, así como embutidos (xamóns, butelos, chourizos, lacón, cacheira, androlla, touciño, costelas, soá, lacón, tenreira galega...), ou doces (roscón de amendoa, bombóns, torta de Guitiriz, tarta de Mondoñedo, marmeladas, castañas en almibar...).

As primeiras 35 entidades lucenses que someteron ós seus produtos a unha rigorosa avaliación durante todo o proceso de fabricación, para acadar o distintivo de garantía de calidade da Deputación foron: As Fadegas (Ribadeo), Labregos de Lugo SAT (Riotorto), O Trobo, Mel do Valadouro (O Valadouro), Panadería Rubal (Mondoñedo), José César Páez Santamaría (Ribadeo), Capones Aurora (Vilalba), Daniberto SAT (Vilalba), Queixería Don Crisanto (Vilalba), Queixería Cas Leira SL (Vilalba), Atilano Anllo SL (Vilalba), Castelo (Vilalba), Dispravia SL (Vilalba), Queixería Don Gabino (Vilalba), Jamones Francisco Otero Pérez (Vilalba), Queixería Prestes (Vilalba), Cogumelas Muralla (Lugo), Queixos Pacita (Friol), Lualco (Lugo), Bombones Suguimar SA (Lugo), Panadería Concha Campaceira (Friol), Embutidos Campa (Cervantes), Panadería Os Ancares (Cervantes), Torre de Núñez (Lugo), Embutidos Suarna (Navia de Suarna), Panadería La Esquina (Gutiriz), Confitería La Alianza (Mondoñedo), Confitería Méndez (O Valadouro), Embutidos Hermelio (O Valadouro), ACISAL (Vilalba), Dulce María Barro Fernández (Vilalba), Frilea SL (Castro de Rei), Jamones González SL (O Corgo), Delicias do Souto (Folgoso do Courel) e Caurelor (Folgoso do Courel).