Deputación de Lugo

Innova Empresa asesorou a 90 emprendedores para a posta en marcha dun negocio

Coa axuda do centro da Deputación estanse xestionando proxectos como a creación dun parque infantil innovador ou unha iniciativa para potenciar o comercio exterior e a promoción turística da Ribeira SacraA gran maioría, un 90%, pretendía darse de alta como autónomo e as propostas formuladas tiveron que ver sobre todo cos sectores tecnolóxico e agroalimentario Innova Empresa difundirá as vantaxes da incorporación das TIC a un negocio con obradoiros en empresas que deron este paso con éxito. O primeiro deles tivo lugar este xoves en Porto de Celeiro, exemplo de innovación no sector pesqueiro

O Centro de Asesoramento Empresarial da Deputación, Innova Empresa, atendeu dende a súa posta en marcha, hai tres meses, as consultas de preto de 90 emprendedores para a posta en marcha dun negocio. A maioría, un 90%, pretendía darse de alta como autónomo e a gran parte das iniciativas formuladas tiñan que ver cos sectores tecnolóxico, agroalimentario e hostaleiro.

Coa axuda de Innova Empresa estanse xestionando, entre outros proxectos, varios de carácter educativo que incorporan as novas tecnoloxías como elemento diferencial, a creación dun parque infantil innovador, unha iniciativa sobre comercio exterior e promoción turística da Ribeira Sacra, e negocios de hostalería e de transporte de mercadorías por estrada. Por outra banda, o centro está prestando un importante apoio ós empresarios que desexan presentar unha proposta para acollerse ás axudas do Plan Avanza 2, co que o Ministerio de Industria pretende impulsar as novas tecnoloxías. Entre as iniciativas plantexadas por empresas lucenses neste ámbito figuran proxectos relacionados cos servizos sociais.

Os emprendedores que acudiron a Innova Empresa foron na maioría, un 57%, da capital lucense, aínda que tamén procedían doutros municipios da provincia (como Viveiro, Chantada e Begonte) e incluso de cidades de fóra. O 49% das consultas fíxose por teléfono, o 36% de forma presencial e o 14%, por correo electrónico.

Ademais de prestar todo tipo de asesoramento para poñer en marcha un negocio e para resolver calquera dúbida dos empresarios sobre a súa actividade, o centro Innova Empresa organiza un programa de actividades formativas e divulgativas, especialmente encamiñadas a concienciar a emprendedores e empresarios sobre a necesidade e vantaxes de incorporar as novas tecnoloxías ó seu modelo de negocio. Precisamente este xoves comezou cunha iniciativa que ten este obxectivo, consistente nun ciclo de obradoiros en empresas da provincia que incorporaron con éxito a innovación tecnolóxica. O primeiro taller deste programa, denominado Km0 Empresarial, tivo lugar en Porto de Celeiro, en Viveiro.

Trece empresas participantes

Na actividade participaron trece firmas de toda a xeografía lucense e de diversos sectores económicos, que coñeceron polo miúdo todas as innovacións que fixeron do Grupo Porto de Celeiro un referente nacional no sector pesqueiro. O Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, recibiu nas instalacións da firma ós asistentes e participou con eles na visita guiada, da que se ocupou o director adxunto da organización empresarial, Eduardo Míguez.

O Grupo Porto de Celeiro, constituído en 1994 e formado na actualidade por 70 empresas accionistas, foi pioneiro na aplicación de criterios empresariais á xestión dun porto pesqueiro a través da constitución dunha Sociedade Anónima. Nos últimos anos incorporou as novas tecnoloxías ó seu modelo de negocio como soporte para un funcionamento máis áxil e eficiente na xestión do porto e na intermediación de compra venda de peixe, entre outras actividades que desenvolve.

Apoio personalizado ás empresas

Innova Empresa é un servizo que ofrece un asesoramento integral a emprendedores, empresarios e artesáns, de maneira que estes poderán contar con apoio personalizado durante todo o proceso para a posta en marcha de calquera proxecto e tamén formular calquera dúbida en relación coa súa actividade. O horario de atención presencial e por teléfono (982.25.00.10) é de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres. Tamén se pode contactar a través do correo electrónico: innova-empresa@deputacionlugo.org  Conta así mesmo cunha web: www.innova-empresa.es