Deputación de Lugo

A Deputación presentará o libro do Camiño do Mar en maio

Imaxe deputación de lugo
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciouno este venres na inauguración das IV Xornadas do Peregrino, organizadas pola Asociación Abrindo Camiño como homenaxe a Álvaro Cunqueiro con motivo do 100 aniversario do seu nacemento O programa de actividades arrancou cunha conferencia sobre a vinculación de Cunqueiro coa ruta xacobea e un debate acerca das tres rutas alternativas do Camiño Norte, e continuarán ata setembro con viaxes culturais e peregrinaciónsO organismo provincial apoia economicamente esta iniciativa como parte da súa aposta por promocionar a ruta Xacobea “máis alá do Ano Santo”, pois supón unha “extraordinaria oportunidade” para xerar riqueza nos concellos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, adiantou este venres na inauguración das IV Xornadas do Peregrino celebrada na Pontenova que o libro guía que o organismo provincial prepara sobre o Camiño do Mar co fin de difundilo e reivindicar o seu recoñecemento oficial estará concluído e será presentado en maio. A publicación recolle o traballo de investigación e recompilación documental do historiador focense Xoán Ramón Fernández Pacios, cos que queda constatada a existencia desta alternativa da ruta xacobea, cuxo trazado discorre polos concellos costeiros de Lugo. No traballo de Fernández Pacios baseouse precisamente a proposta enviada o ano pasado á Consellería de Cultura para que recoñeza a oficialidade da variante.

O libro sobre o Camiño do Mar complementa o editado pola Deputación o pasado mes de decembro baixo o título ‘Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo’, a primeira publicación galega que inclúe información detallada de tódalas rutas xacobeas que pasan por terras luguesas: o Camiño Francés, o Primitivo, o Norte e o de Inverno. Lara Méndez considera que tanto a variante do Mar, como a de Inverno merecen a oficialidade porque “teñen o mesmo valor patrimonial e turístico que as rutas que están recoñecidas como tal”.

A Vicepresidenta Segunda fixo estas declaracións na inauguración das Xornadas do Peregrino, organizadas pola asociación mariñana e chairega Abrindo Camiño en homenaxe ó escritor Álvaro Cunqueiro con motivo do 100 aniversario do seu nacemento. O organismo provincial prestou a súa colaboración económica a esta iniciativa no marco da súa aposta pola difusión do Camiño Norte e as súas variantes. O seu apoio tamén responde á promoción do Camiño máis alá do Ano Xacobeo. Lara Méndez recordou que un dos proxectos da Deputación no Ano Santo foi o programa Km0 a Compostela, que resultou “un éxito”, pero “non debemos quedarnos aí, nin limitarnos a esa conmemoración porque non volverá a ter lugar hasta dentro de 11 anos. Na provincia contamos con 800 quilómetros de rutas xacobeas e dende a Deputación apoiaremos todas aquelas iniciativas que, coma esta que empeza hoxe na Pontenova, sirvan para poñer en valor e difundir o Camiño, pois supón unha extraordinaria oportunidade económica nos 33 concellos polos que discorre”.

Debate e peregrinacións

Tralo acto inaugural, as IV Xornadas do Peregrino continuaron cunha charla coloquio sobre a vinculación de Álvaro Cunqueiro coa ruta xacobea e un debate acerca do Camiño Norte e as súas tres variantes: a do Interior polas Terras de Miranda, a marítima ou do Mar, e o de volta a San Salvador de Oviedo. A mesa estivo moderada por Juan Carlos Fernández Pulpeiro, xornalista e Xefe de Protocolo da Deputación, e como poñentes estiveron José Joaquín Miláns del Bosch, presidente da Asociación Asturgalaica de Amigos do Camiño de Santiago da Costa; Luis Fernández Ansedes, presidente do colectivo Abrindo Camiño, con socios de A Mariña e Terra Chá; e o historiador Xoán Ramón Fernández Pacios, entre outros.

O programa continuará o sábado cunha viaxe turístico-cultural que partirá ás 8:30 da Praza do Seminario de Mondoñedo e incluirá paradas en Trabada, Santiago de Ares, San Tirso de Abres, A Pontenova, A Pastoriza, Riotorto, Pol e Castro de Rei.

O 24 de abril comezará unha peregrinación pola variante interior do Camiño Norte, que continuará o 8 e 29 de maio, e o 26 de xuño. A inscrición poderá facerse hasta o próximo mércores. Por outra banda, en xullo terá lugar un percorrido da variante marítima e en setembro, unha viaxe á Bretaña Francesa. Os interesados poden anotarse nas actividades chamando ós números de teléfono 982.52.10.75 ou 639.07.27.69, ou ben enviar un correo electrónico a elremansoes@yahoo.es.