Deputación de Lugo

A Fundación TIC elaborará un vídeo sobre o cásting do que sairán os participantes no XX Festival do Landro

Imaxe deputación de lugo
Os 15 aspirantes farán as probas de selección, correspondentes á categoría de intérpretes, este domingo no teatro Pastor Díaz de ViveiroO acto estará aberto ó público e constitúe a antesala do certame, que terá lugar os días 30 e 31 de xullo na Praza Maior

Un equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, elaborará un vídeo sobre o cásting do que sairán os participantes do Festival da Canción do Landro de Viveiro, que neste 2011 cumpre o seu vixésimo aniversario e se celebrará os días 30 e 31 de xullo na Praza Maior. As probas terán lugar este domingo, no teatro Pastor Díaz da cidade mariñana. O traballo audiovisual que edite a Fundación TIC será entregado á organización do certame, que corre a cargo da Concellaría de Turismo de Viveiro, ós propios intérpretes e ós medios de comunicación.

A xornada do cásting comezará pola mañá coas probas de son e os ensaios. Pola tarde terán lugar as actuacións dos 15 aspirantes, que interpretarán cada un dúas pezas. Esta parte está aberta ó público.

Estas probas correspóndense coa modalidade de interpretación do certame, pois para a outra, de canción inédita en galego, non hai cásting, senón que un xurado fai a selección valorando os CDs e as partituras coa letra e a música das pezas que envíen os inscritos. En cada modalidade participan 5 artistas e o primeiro clasificado de cada unha recibirá un premio de 3.600 euros.

O Festival da Canción do Landro é un referente en Galicia e nel teñen participado artistas cuxo nome ten hoxe proxección a nivel nacional, como é o caso de Lucía Pérez, a candidata de España ó Festival de Eurovisión, que actuou no concurso de Viveiro en tres ocasións, gañando na última. Tamén o fixo en 2009 e o 2010 o aresán Enrique Ramil Bastida, concursante na edición deste ano do programa televisivo Operación Triunfo. De feito, a organización ten intención de invitalo á edición do Festival do Landro deste 2011. A gala final, que se celebra a finais de xullo, abarrota a Praza Maior de público chegado de tódalas partes da provincia e mesmo do resto da comunidade galega.