Deputación de Lugo

Máis de 100 bombeiros que se incorporarán o 1 de maio ós parques contraincendios de Lugo conclúen a súa formación

- O Presidente da Deputación e o Conselleiro de Presidencia entregaron hoxe na Estrada a estes profesionais os diplomas que acreditan a súa preparación tras completar un curso de 400 horas - Besteiro avogou por seguir colaborando coa Xunta para ampliar a cobertura ó 100% do territorio provincial, reiterando o que lle ofrecera publicamente ó Presidente autonómico nun acto en Vilalba- Cada parque terá sempre un mínimo de entre 19 e 22 bombeiros, o que garante o servizo as 24 horas do día e os 365 días do ano

O Presidente da Deputación de Lugo e Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Ramón Gómez Besteiro, entregou este martes no Concello da Estrada, xunto co Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, os diplomas que acreditan a preparación dos máis de 100 bombeiros que prestarán servizo nos cinco parques contraincendios da provincia tras completar un curso formativo de 400 horas de duración. Estes profesionais, que concluíron a súa formación na mesma xornada de hoxe, incorporaranse ós seus postos o día 1 de maio, para cando está previsto que comecen a funcionar os parques de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada. O acto de entrega dos diplomas tivo lugar na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) tras un simulacro no que os bombeiros demostraron como actuar en diversas situacións de risco para a cidadanía. A este respecto, tanto o Presidente como o Conselleiro coincidiron en que “son os bombeiros mellor formados da historia de Galicia”.

Gómez Besteiro destacou que este é un paso máis que permitirá cumprir os prazos establecidos e abrir os parques de extinción de incendios o 1 de maio, saldando desta forma unha “débeda histórica que só quedaba pendente na provincia”. O Presidente recordou que a posta en marcha destas instalacións levaba “décadas bloqueada, o que privaba dunha seguridade mínima ós lucenses”, ata que o Consorcio e o Goberno da Xunta chegaron a un acordo para levala adiante.

Con ese mesmo fin de respectar as previsións fixadas, a Xunta de Goberno provincial aprobou precisamente na súa sesión de onte o acordo entre a Consellería de Presidencia, a Deputación e os Concellos nos que se sitúan os parques de bombeiros, a través do que se establece a cesión do edificio de Barreiros e do seu equipamento á entidade local para que esta, á súa vez, os entregue o Consorcio. No caso dos de Viveiro, Vilalba, Chantada e Sarria, construídos pola Xunta, aprobouse poñer a disposición do Consorcio a utilización das instalacións.

Besteiro subliñou o extraordinario avance en materia de seguridade que supón a entrada en funcionamento dos cinco parques existentes na actualidade, pero recordou que cobren o 90% do territorio provincial, polo que é preciso que Deputación e Xunta “sigan unidas e afronten un novo reto: a cobertura total da provincia”. Para elo, reiterou que o organismo que preside está disposto a aportar a metade do investimento necesario, sempre e cando a Administración autonómica achegue o outro 50% que lle corresponde.

Incremento de persoal

Co obxectivo de reforzar a cobertura contraincendios, o Consorcio incrementou en 9 o número de postos de emprego con respecto a previsión inicial. Deste xeito, cada parque terá sempre un mínimo de entre 19 e 22 bombeiros, o que garante a prestación do servizo as 24 horas do día e os 365 días do ano.

En canto ó equipamento, disporán de 20 vehículos, catro por cada complexo. Do total, 17 foron adquiridos polo Goberno provincial por valor de preto de 2,7 millóns de euros, 7 comprounos a Xunta en 2008 con 970.000 euros e os outros 3 adquiriunos recentemente o Consorcio.

Os parques teñen un ámbito territorial asignado, pero os seus profesionais e equipamentos poderán actuar fóra del se fose necesario, tanto a nivel comarcal, como provincial ou mesmo autonómico. A prestación do servizo incluirá: incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.