Deputación de Lugo

Deputación e Concello asinan o convenio para a construción da residencia da Fonsagrada

O texto establece oficialmente que a Deputación construirá esta instalación logo de esperar 2 anos a que actuase a Xunta e marca que, en maio, o Concello cederá os terreosO organismo provincial aproba adquirir os terreos no Saviñao e Navia de Suarna, así como o convenio coa Pobra do Brollón, co fin de axilizar os centros da 3º idade nestes municipios Besteiro avanza na Fonsagrada que nos vindeiros días se adxudicaran as obras de mellora do pavillón municipal dotadas de 150.000 euros, e as do CEIP valoradas en 12.000 euros

Horas despois do Consello de SUPLUSA no que a entidade provincial aprobaba o convenio da residencia da Fonsagrada e aceptaba a encomenda de xestión para a súa construción, Deputación e Concello dan un paso máis. O titular provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde deste municipio, Argelio Fernández Queipo, asinaron xa esta tarde o convenio que formaliza oficialmente estes traballos, e que establece que o Concello cederá en maio á Deputación o edificio e os terreos da Fundación Rois de la Peña onde se asentará a infraestrutura. Ademais, o municipio participará no financiamento dos gastos de construción nun 20% mentres que, a Deputación executará as obras por 2,1 millóns de euros.

Gómez Besteiro salientou que “dito e feito. Hai unhas semanas, a petición do Alcalde, comprometémonos a facer a residencia da Fonsagrada. Días máis tarde, aprobábamos no Pleno o orzamento necesario e os técnicos empezaban as medicións. Hoxe acordamos oficialmente que a Deputación constrúa a residencia da Fonsagrada e iniciamos novos pasos e prazos. Fronte ás promesas incumpridas da Xunta, nós cumprimos e actuamos”.

Hai 2 anos, a Xunta prometera realizar un centro para maiores neste municipio da Montaña luguesa. Para elo, o Concello redactou o proxecto que, logo de remitirllo á Secretaria Xeral de Familia e Benestar, logrou o visto e prace do Goberno galego. Malia é todo, o Executivo autonómico nunca comezou as obras. Dende entón, o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou A Fonsagrada en varias ocasións sen novidades ó respecto. Ante este bloqueo, o Alcalde solicitou axuda á Deputación quen, logo de avaliar a necesidade desta infraestrutura tendo en conta a porcentaxe de maiores no Concello (o 40% dos 4.400 veciños teñen máis de 65 anos), viuse na obriga, unha vez máis, de suplir á Xunta asumindo estas obras. Semanas máis tarde, Feijóo desprazouse á Fonsagrada para prometer, outra vez máis, o estudo do proxecto.

Axilidade das obras

Segundo o convenio asinado hoxe, mentres que o Concello tramita a cesión do edificio, os técnicos provinciais rematarán de avaliar o proxecto. Na actualidade, estes profesionais están a estudar a posibilidade de realizar modificacións co obxectivo de incrementar a capacidade desta infraestrutura. De manterse as súas características iniciais -1.630 metros cadrados, 24 prazas de residencia e 30 de centro de día- a Deputación iniciará a contratación en xuño.

Novidades e avances nas restantes residencias

Besteiro avanzou que no Consello desta mañá tamén se aprobou a adquisición dos terreos para a construción das residencias no Saviñao e Navia de Suarna. Co obxectivo de axilizar a súa posta en marcha, a Deputación fai unha excepción con estes municipios asumindo a compra dos espazos necesarios. Nos restantes casos, son os Concellos os que achegan os terreos. Non obstante, co fin de garantir as mesmas oportunidades a todos os municipios, o organismo provincial compra agora os espazos propostos no Saviñao (un terreo que abrange parte do Mercado Ganadero e que se sitúa moi preto da Casa Consistorial) e Navia (na horta de Prados, na avenida de Galicia facendo esquina coa dos Ancares), pero os Concellos terán que devolver a cantidade adiantada en 3 anualidades. Este presuposto engádese o 20% do total dos gastos de construción que deben aportar os municipios. Isto significa, que todos os Concellos achegan o mesmo presuposto.

O Presidente adiantou ademais, que na sesión tamén se aprobou o convenio do centro da 3º idade na Pobra do Brollón, respaldado polo Pleno cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Ademais, tamén deu conta que, nos vindeiros días, se adxudicarán as obras das residencias de Castroverde, Trabada e Pol. Neste intre, xa se están a avaliar as 36 ofertas presentadas. A continuación, serán contratadas as de: Guitiriz, Pedrafita, Meira, Riotorto, Ribas de Sil, O Saviñao e Navia de Suarna. En total, xunto coa subvención de 120.000 euros para rematar as obras da residencia de Monterroso, a Deputación inviste 15.550.000 euros en 13 novos centros para maiores.

Máis obras na Fonsagrada

Besteiro e Queipo mantiveron un encontro con membros dos 10 equipos de fútbol da liga local e dos 3 do instituto municipal que adestran no único pavillón deportivo da Fonsagrada. O Presidente adiantoulle que nos vindeiros días se contratarán as obras de mellora desta infraestrutura dotadas de 150.000 euros. Estas actuacións, que conlevan a renovación da cuberta e a mellora dos vestiarios e servizos de fontanería. Outra obra provincial en execución é a construción da nova Casa Consistorial fonsagradina que xa está en execución.

O titular provincial avanzou, que nas vindeiras semanas o organismo provincial tamén adxudicará as obras de construción dunha cuberta no CEIP Santa María. Custan 12.000 euros, e evitarán que os rapaces se mollen cada vez que se desprazan ó comedor escolar.