Deputación de Lugo

O 90% da provincia de Lugo contará dende mañá con cobertura contraincendios

Imaxe deputación de lugo
A partires das 9:00 horas deste domingo e durante as 24 horas dos 365 días ó ano, estarán en servizo os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada104 profesionais atenderán alertas do 112 por incendios, inundacións, accidentes de tráfico, rescates, salvamento ou actividades de prevención nos concellos lugueses

Ás 9:00 horas deste domingo poranse en marcha os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro, Viveiro, Sarria e Chantada. A esa hora os xefes de servizo das instalacións chamarán ó teléfono de emerxencia 112 para comunicar oficialmente que, dende entón e durante as 24 horas dos 365 días ó ano, estarán en alerta ante calquera incidencia que aconteza nos Concellos lugueses. Isto supón que o 90% dos veciños lucenses contarán con servizo contraincendios, uníndose así Lugo ó resto das provincias galegas, que xa contaban con este servizo. Deputación e Xunta financian a partes iguais o actual Consorcio e valoran o día de mañá como “o fin dunha das débedas históricas da provincia de Lugo”.

Saldar esta débeda histórica é froito da creación do Consorcio Provincial de Bombeiros que arrincou en 2008. Deputación e Xunta de Galicia asinaron un convenio que establecía que a Xunta construiría os parques mentres que o organismo provincial se encargaría da adquisición do seu equipamento. O traballo levado a cabo polo Consorcio nos últimos 3 anos permite que este domingo cinco novos parques de bombeiros, totalmente equipados, abran as súas portas. Contarán con máis dun centenar de bombeiros distribuídos nos parques de Viveiro, Vilalba e Barreiros, Sarria e Chantada. Estes profesionais atenderán as alertas do 112 por incendios, inundacións, accidentes de tráfico, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.

Disporán de 20 vehículos, 4 por cada instalación: mando todo terreo, mixto de rescate e extinción, urbano lixeiro e bomba nodriza. O interior dos parques tamén conta co equipamento necesario (material informático, mobiliario de oficinas, ferramentas, traxes de protección...). Nos casos das instalacións de Viveiro, Vilalba, Chantada e Sarria foi o Consorcio quen, recentemente, adicou 778.698 euros para a compra deste material. Barreiros xa contaba con el dende 2009, data na que a Deputación adiantou 1,3 millóns de euros para executar as obras de abastecemento de auga, subministro eléctrico, ademais das de acceso e peche da parcela.

Novo reto: o 100% da cobertura

Ditos medios persoais e materiais permitirán que os parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro den cobertura a 25 Concellos: Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade, e Xove. Na zona sur, os de Chantada, Sarria e Monforte de Lemos prestarán servizo a outros 25: Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela. Isto supón, unha cobertura contraincendios directa no 90% da provincia lucense.

O ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo: a nivel comarcal, provincial, ou mesmo autonómico.

O reto da Deputación, tal e como afirmou publicamente en varias ocasións o Presidente do Consorcio e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, é acadar o 100% da cobertura contraincedios na provincia. Besteiro reiterou que a Deputación está disposta a aportar a metade do investimento necesario, é dicir, a asumir o 50% dos gastos ó igual que ata o de agora co Consorcio Provincial de Bombeiros.