Un centenar de persoas estrean as actividades de Lugoteando no río Miño
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
As actividades do programa de ocio ecolóxico Lugoteando da Deputación de Lugo arrancaron esta fin de semana no río Miño cun grande éxito de convocatoria. Un centenar de persoas estrearon a orixinal iniciativa, na que a proposta máis demandada é o wakeboard, sendo a primeira en cubrir a cota de prazas dispoñibles para esta primeira fin de semana. Hoxe tamén está previsto que comece a modalidade Ligoteando coa participación de 52 persoas na primeira velada das Noites Máxicas, consistente nun romántico paseo en catamarán polo río Miño, espectáculo de ilusionismo e degustación de pinchos.
Nesta segunda tempada de Lugoteando destaca o gran interese que a oferta lúdica medioambiental está espertando en veciños de fóra da provincia, pois estanse rexistrando numerosas inscricións de persoas da Coruña, Ferrol, Santiago ou Pontevedra.
Tras a fin de semana, as actividades no Miño continuarán os días 21, 22, 28 e 29 de maio e o 4 e o 5 de xuño. A oferta programada está dirixida a toda familia e custa 5 euros por persoa para potenciar a participación. As actividades son as seguintes: bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf, e wakeboard, unha combinación entre esquí acuático e snowboard na que hai manter o equilibrio sobre unha táboa; paseos en batuxo antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.
Esta serie de propostas desenvolveranse tamén nas praias mariñanas, onde a maiores se ofrece kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorpora cometas. Na Costa, as xornadas terán lugar en xuño: os días 11 e 12 Foz; 18 e 19 en Burela, e 25 e 26 en Ribadeo. Celebraranse en quendas no horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.
As datas de Ligoteando
En canto á modalidade Ligoteando, ten como escenario o río Miño e tódalas veladas comezarán ás 20:00 horas. Hai tres versións:
- Paseos Chill Out: travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel elaborado con produtos autóctonos da provincia. Días: 27 de maio e 4 de xuño. Prezo: 15 euros.
- Noites Máxicas: paseo en catamarán cun espectáculo de ilusionismo e maxia, máis degustación de pinchos. Día: 21 de maio. 15 euros.
- Paseos Románticos en batuxo: experiencia de 30 minutos nun batuxo tradicional no que a parella gozará dun paseo polo Miño, conducida por un remeiro, e degustará un cóctel de produtos autóctonos. Días: 20 e 28 de maio. Prezo: 10 euros
Como inscribirse
Os interesados en participar no programa de ocio ecolóxico poden inscribirse chamando ó 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, ou ben facelo na propia localización das actividades, antes de comezar, o que non garante que haxa vacantes. O pago das cotas de inscrición poderase efectuar previamente na conta bancaria de Banesto: 0030-7060-30-0298064273 co concepto Lugoteando, ou antes de cada actividade. Pódese obter máis información en: www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es ou chamando ó teléfono de información municipal 010 do Concello de Lugo. No caso dos menores de idade, deben presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que poden descargar nas web.