Deputación de Lugo

A Deputación rematará a comezos de xuño a Ponte de Arante

A institución axilizou ó máximo as obras de construción desta infraestrutura para garantir a celebración das tradicionais festas das Cruces O organismo provincial reduce á metade -de 6 a 3 meses- o prazo de execución destes traballos sen diminuír a calidade da Ponte, 100% mellor á anterior segundo os técnicos Malia ter que esperar ata 7 meses polos permisos da Xunta para poder iniciar as obras, a Deputación cumpre cos veciños mediante a posta a punto da Ponte para esta data

A Deputación está hoxe a situar o taboleiro da nova Ponte de Arante de Ribadeo. Trátase dunha plataforma metálica que será reforzada cunha de formigón para lograr unha maior resistencia. A vindeira semana, o organismo provincial concluirá con estes traballos, así como cos de construción de beirarrúas e localización de varandas, asegurando que todo tipo de vehículos circulen coas máxima garantías de seguridade por dita infraestrutura a principios do próximo mes. Isto significa, que as actividades programadas para o 13 de xuño con motivo das festas das Cruces se leven a cabo con total normalidade.

A institución axilizou ó máximo as actuacións na ponte co obxectivo de respostar ás demandas dos veciños para celebrar uns tradicionais festexos, con máis de 200 anos de antigüidade, que reúnen a centos de cidadáns na localidade ribadense. Grazas ó intenso traballo levado a cabo, a Deputación logra poñer fin as obras de construción da nova ponte en pouco máis de 3 meses reducindo, deste xeito, o prazo de execución case á metade xa que este era de 6 meses.

No traballo levado a cabo pola Deputación sempre primou a seguridade dos viandantes da infraestrutura. Por iso, a reducción no tempo de execución das actuacións a realizar na ponte non conlevou a diminución da calidade das súas características. Tal e como estaba previsto, a Ponte de Arante é, segundo os técnicos provinciais, 100% mellor á anterior. Mide 16,37 metros, ten un ancho de 9 metros distribuídos nunha estrada de 6 metros e en 2 beirarrúas de 1,5 metros, os estribos son de formigón revestidos con pedra granítica, e a zona do caudal queda protexida cunha escolleira. Con isto non só se garante o paso de vehículos pesados, senón que non se sucedan novos derribos ante posibles riadas.

A tempo malia as trabas

A Deputación logra adiantar 3 meses a posta a punto da Ponte de Arante logo de esperar ata 7 meses a que a Xunta lle concedese os permisos necesarios para poder iniciar os traballos. E é que esta infraestrutura estaba en estado ruinoso dende as inundacións de xuño, data na que a Deputación puxo en marcha un plan especial –Plan de Choque- de 1,2 millóns de euros para reparar coa máxima axilidade os danos ocasionados polo temporal tanto na rede viaria provincial, como nas vías municipais, aforrando 300.000 euros ós Concellos. Tal e como acordou entón o Presidente cos Alcaldes da Mariña, o organismo provincial executou en 40 días dito plan, quedando pendente, exclusivamente, a actuación na Ponte de Arante ó requirir do permiso da Xunta. Concretamente, debía ser Patrimonio quen dese o visto e prace ós traballos ó tratarse dunha infraestrutura situada ó carón do Camiño de Santiago.
Malia que a Deputación contactou co Goberno galego ós poucos días das riadas e respostou a todas as súas peticións de forma inmediata, a Xunta tardou 7 meses en desbloquear a situación. Ademais, o organismo provincial tivo que facer continuas adaptacións ó proxecto debido ás diferentes posturas adoptadas pola Xunta. O documento inicial cun orzamento de 156.000 euros e un prazo de execución de 4 meses incrementouse ata 215.700 euros a executar nun prazo de 6 meses diminuído a pouco máis de 3 grazas o esforzo da Deputación.

Sucesión dos feitos

Os continuos contactos da institución provincial co Executivo galego derivan do mes de xullo, cando a Deputación enviou a Patrimonio o proxecto para construír unha nova infraestrutura. No mes de agosto, unha vez que a Deputación xa rematara as restantes actuacións do plan especial, o Goberno galego respostou denegando a demolición da ponte e concedendo un prazo dun mes para que o organismo provincial “xustificase” o proxecto entregado. En menos dunha semana, a Deputación enviou a documentación.

Non foi ata finais de outubro cando o Goberno galego aceptou reunirse cos técnicos provinciais. Neste encontro, o departamento autonómico de Augas de Galicia deu a razón á Deputación, ratificando que era precisa a construción dunha nova ponte. Nembargantes, Patrimonio, tamén da Xunta, colisionou co outro departamento autonómico.

O consenso entre ambos os dous departamentos autonómicos non tivo lugar ata o mes de decembro. Aguas de Galicia e Patrimonio ratificaron a proposta da Deputación e, para que o proxecto fose aprobado antes de final de ano -tal e como se comprometeu o Goberno galego-, a Deputación fixo as modificacións requiridas, entregando toda a documentación a 15 de decembro. Nembargantes, e sen ningunha explicación, a Comisión de Patrimonio do 31 de decembro non levou entre os asuntos da orde do día a Ponte de Arante. Isto provocou que na Xunta de Goberno provincial do 7 de xaneiro, a primeira do ano 2011, a contratación de ditas obras tivese que quedar enriba da mesa ó non ter o permiso comprometido polo Goberno galego.

A Deputación reaccionou entregando aínda máis documentación técnica para que, finalmente, Patrimonio accedera á aprobación do proxecto e á concesión do permiso o 26 de xaneiro, case un mes despois do prometido. Só dous días despois, a Xunta de Goberno da Deputación aprobaba a contratación das obras. Logo de transcorrer os prazos legais establecidos, a Deputación comezaba a mediados do mes de febreiro a executar as actuacións que agora remata case 3 meses ante do previsto, cumprindo cos veciños.