Deputación de Lugo

O Centro de Innovación Social ofrece unha xornada divulgativa sobre os coidados a dependentes

Unha quincena de persoas, entre traballadores sociais e representantes de asociacións, participaron na actividade, que consistiu nunha conferencia e unha demostración sobre distintas axudas técnicas ó alcance dos coidadores In Lugo ten en marcha esta semana cursos sobre como crear un blog, o manexo de Open Office, fotografía dixital, “Lembranza Fotográfica” e uso do móbilO centro creado pola Deputación ten lista a programación de actividades para o mes de xuño, que inclúe 14 cursos, gratuítos e dirixidos a tódalas idades

O Centro de Innovación Social In Lugo ofreceu este mércores pola tarde unha xornada divulgativa sobre coidados a persoas con algún tipo de dependencia física. A actividade celebrouse nas instalacións do centro, situadas na Praza Frei Plácido Rei Lemos, e reuniu a unha quincena de persoas, entre traballadores sociais e representantes de asociacións que tratan con dependentes. En primeiro lugar houbo unha conferencia, a cargo de Noemí Vargas, fisioterapeuta e psicóloga, e nunha exposición de distintos medios técnicos ó alcance dos coidadores, desenvolvida pola empresa Minusval Galicia.

In Lugo, un servizo pioneiro no Noroeste español creado pola Deputación de Lugo, ten por outra banda en marcha esta semana cinco cursos: sobre o manexo de Open Office, sobre como crear un blog e de “Lembranza Fotográfica” (consistente na creación dun blog con fotos antigas e actuais), os tres impartidos entre o luns e hoxe; de fotografía dixital, que comezou o luns e continuará hasta o 3 de xuño, entre as 12:00 e as 14:00 horas; e sobre o uso do teléfono móbil, que terá lugar mañá venres, de 16:00 a 18:00 horas. A próxima semana, entre os días 30 e 31, de 16:00 a 18:00 horas, impartirase outro obradoiro sobre o manexo do correo electrónico e os buscadores de Internet.

O centro tamén ten preparado xa a programación de actividades do mes de xuño, que inclúe 14 cursos, gratuítos e dirixidos a tódolos públicos. Entre eles, figuran un sobre o DNI Electrónico, a chave que deben utilizar os usuarios para acceder á Administración Electrónica; dous de iniciación á informática; un acerca do correo electrónico e os buscadores de internet; un de redes sociais; un de xestión de arquivos; dous sobre o manexo do móbil; un de creación de blogs; un de fotografía réflex; dous sobre o programa informático Open Office; un de busca activa de emprego, e un de seguridade en internet.
As persoas que estean interesadas en participar nos obradoiros do Centro de Innovación Social (CIS) poden informarse ou inscribirse nas súas instalacións, en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres; os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e os domingos, entre as 10:00 e as 14:00 horas; entrando na súa páxina web (www.inlugo.deputacionlugo.org) ou ben enviando un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org

Formación on line

Ademais da modalidade presencial, existe a posibilidade de facer cursos on line, de diversas temáticas, como alfabetización informática, imaxe e son, iniciación ó deporte, Internet, orientación sociolaboral, ofimática e redes sociais, entre outros. Para poder participar, é necesario darse de alta como usuario da aula virtual, entrando na web www.inlugo.deputacionlugo.org descargar un formulario de inscrición, cubrilo e envialo á dirección de correo electrónico inlugo@deputacionlugo.org O usuario recibirá despois outro e-mail coas claves de acceso para cada curso solicitado.

Tódalas actividades, presenciais e on line, son gratuítas, pensadas para tódolos públicos, e están encamiñadas a achegar as novas tecnoloxías á poboación, sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos, contribuíndo a eliminar a fenda dixital na sociedade lucense, favorecer o envellecemento activo e eliminar o illamento dos veciños da provincia.