Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Sarria presentan as V Xornadas Xurídicas, que reunirán a unhas 250 persoas na vila

O Presidente Provincial e o Alcalde sarriano destacan que esta 5ª edición do congreso supón a súa plena consolidación como referente a nivel nacional polo alto nivel dos seus poñentes e os temas debatidos Nove prestixiosos xuristas participarán no foro, que se celebrará os días 10 e 11 de xuño e estará centrado no Dereito de Familia. Algunhas cuestións a tratar son o divorcio, a custodia dos menores, o matrimonio homosexual e as parellas de feito No acto deste sábado tamén se presentou o libro “La Incidencia de las gentes de Sarria en el mundo”, de Román García Varela, maxistrado sarriano e promotor das Xornadas Xurídicas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, presentaron este sábado as V Xornadas Xurídicas do Concello sarriano, que reunirán na vila entre os días 10 e 11 de xuño a unhas 250 persoas, entre conferenciantes e público asistente. Besteiro e Garrido coincidiron en destacar que esta 5ª edición do congreso supón a súa plena consolidación como referente a nivel nacional polo alto nivel dos seus poñentes, na súa maioría maxistrados, e os temas debatidos. O organismo provincial prestou dende o comezo un decidido apoio a este foro, cunha achega de 9.000 euros, que organiza o Concello e o Foro Xurídico Diego Pazos. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “durante estes días este Concello convértese no punto de encontro do mundo xurídico non só de Galicia senón tamén de España. É un verdadeiro luxo que unhas xornadas desta magnitude se celebren tan cerca como en Sarria”.

No acto de hoxe, celebrado no salón de plenos do consistorio, tamén se presentou o libro “La Incidencia de las gentes de Sarria en el mundo”, obra do sarriano Román García Varela, maxistrado emérito da Sala Primeira do Tribunal Supremo e impulsor das Xornadas Xurídicas. De feito, a el débese a participación de xuristas de tanto prestixio neste evento, como foi o caso, en edicións anteriores, do fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, ou o catedrático de Dereito Constitucional e ex ministro, Virgilio Zapatero, e neste ano, do Presidente do Tribunal Constitucional, Pascual Sala.

A publicación de García Varela recolle unha conferencia que pronunciou o ano pasado na Casa de Galicia de Madrid na que repasa a biografía de destacados personaxes naturais de Sarria e a súa comarca, como Diego Pazos, Frei Luís de Granada, Matías López ou Gregorio Fernández. A edición do libro, na que colaborou o Concello, é unha homenaxe ó maxistrado.

Xunto ó Presidente Provincial e ó rexedor sarriano, na presentación estivo o propio García Varela e o prologuista do seu libro, Francisco Navarrete, ademais de Fernando Prado Ledesma, conselleiro permanente do Consejo de Estado e ex Ministro de Justicia, e Ignacio Sierra, maxistrado do Tribunal Supremo.

Previamente a este acto, Gómez Besteiro e Garrido estiveron no segundo Encontro de Palilleiras da localidade, celebrado no pavillón deportivo de O Chanto coa participación de máis de 300 artesás de toda a provincia e do resto de Galicia.

Pascual Sala inaugurará o congreso

Nove xuristas, catro deles maxistrados do Tribunal Supremo, intervirán nas V Xornadas Xurídicas de Sarria, que abrirá o día 10 o Presidente do Tribunal Constitucional, Pascual Sala, quen xa acudiu ás castro edicións anteriores como relator ou invitado. Nesa mesma xornada, dará unha conferencia sobre a xurisprudencia relacionada co divorcio a maxistrada do Tribunal Supremo (TS) Encarnación Roca Tris, e haberá una táboa redonda con tres poñentes: Joaquín Jiménez García, maxistrado do TS, que falará de “A Violencia de xénero e o divorcio”; Julio César Picatoste Bobillo, maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, que abordará a garda e custodia dos fillos menores de idade; o maxistrado Rafael Gimeno-Bayón Cobos, que tratará o divorcio no matrimonio homosexual e a ruptura nas parellas de feito; e Domingo Bello Janeiro, catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña, que dará unha conferencia sobre a pensión compensatoria.

O segundo e último día das xornadas, o 11 de xuño, celebraranse dúas conferencias: unha sobre “Problemas do dereito de familia no ámbito nacional e internacional dende o punto de vista da fiscalía”, a cargo do fiscal xefe de sala do TS, José María Paz Rubio, e outra sobre “Aspectos procesais do procedemento da liquidación da sociedade de gananciais: artigos 810 e 811 da Lei de Enxuizamento Civil”, que ofrecerá Francisco Javier Menéndez Estébanez, presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra. Da clausura ocuparase Román García Varela.