Deputación de Lugo

Sete empresas de Lugo Sabe colaboran no encontro de Eurovisión organizado mañá pola Deputación

Imaxe deputación de lugo
Queixos Pacita, Jamones González, Queixos Daniberto, Torre de Núñez, Panadería Concha e as pastelerías La Esquina e La Alianza, ademais da cadea de supermercados Cemar, ceden de balde produtos para ofrecer degustacións gratuítasO encontro arrancará ás 18:00 horas en San Marcos e estará cheo de sorpresas e actividades gratuítas dirixidas a tódolos públicos. Os asistentes verán en directo a retransmisión do festival en dúas pantallas xigantes, amenizada con sorteos

A xornada lúdica que se celebrará mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos organizada pola Deputación para apoiar a Lucía Pérez en Eurovisión conta coa colaboración de sete empresas que acadaron a marca de calidade Lugo Sabe, creada polo organismo provincial para poñer en valor os produtos autóctonos. Queixos Pacita, Jamones González, Queixos Daniberto, Torre de Núñez, Panadería Concha e as pastelerías La Esquina e La Alianza, ademais da cadea de supermercados Cemar, que distribúe nos seus establecementos os artigos de alimentación de Lugo Sabe, son as firmas colaboradoras, que aportan de balde diversos produtos para ofrecer degustacións ós asistentes ó encontro Todos con Eurovisión. Todos con Lucía. Todos na Deputación de Lugo. Haberá embutidos, queixo, pan, empanadas e tortas típicas de Guitiriz e Mondoñedo.

A programación comezará ás 18:00 horas e incluirá numerosas actividades gratuítas e dirixidas a tódolos públicos, e moitas sorpresas. O público asistente poderá gozar deste xeito de xogos inchables, karaokes e talleres para elaborar chapas e bandeirolas coa imaxe de Lucía Pérez. O Centro de Innovación Social In Lugo instalará unha pista de baile virtual na que pequenos e maiores poderán practicar todo tipo de pasos de danza e a Fundación TIC realizará un cásting entre os asistentes para elixir a colaboradores que apoien ó presentador que guiará a velada e mostrará nun obradoiro como ser cámara de televisión.

Entre as 18:00 e as 20:00 horas haberá visitas guiadas en pequenos grupos polas inmediacións do edificio da Deputación nas que técnicos do Plan Urban, impulsado polo Concello lucense e a institución provincial, explicarán polo miúdo en que consisten as obras de remodelación e mellora que se están levando a cabo nos propios xardíns e na praza de San Marcos, e como quedarán estes espazos tralas actuacións, que concluirán neste mes. Deste xeito, os participantes nos circuítos coñecerán por exemplo que especies arbóreas se plantarán na praza de San Marcos, ou como a parte traseira do pazo quedará proximamente aberta ó público, ó incorporarse ó paseo interior da Muralla, e como funcionará a rede wifi de conexión gratuíta a Internet que se está instalando.

Ás 21:00 horas comezará a retransmisión en directo de Eurovisión, que se proxectará en dúas pantallas xigantes colocadas nos xardíns exteriores e no salón de actos da Deputación, e durante a que haberá numerosos sorteos de agasallos.