Deputación de Lugo

Setenta persoas estrean as rutas en helicóptero do programa Km0 Xtreme deste ano

O primeiro voo da tempada tivo lugar este martes pola Costa e mañá haberá outro polo municipio lucense, solicitados en ambos casos por demandantes individuais Para esta semana están previstas a maiores seis camiñadas pola Ribeira Sacra, A Mariña, Terra Chá e A Montaña, nas que están anotadas preto de 300 persoas

O programa Km0 Xtreme da Deputación arrancou este ano con dúas rutas en helicóptero, solicitadas por 72 demandantes individuais. A primeira delas tivo lugar este martes pola Costa e a segunda está prevista para mañá, polo municipio lucense. Os voos en helicóptero forman parte das 14 posibilidades ofertadas no Km0 Xtreme, unha modalidade do programa medioambiental Km0. Deputación de Lugo, coa que se poñen en valor as Reservas da Biosfera e se invita ós lucenses á coñecer a provincia a través do deporte e a multiaventura. Outras das alternativas existentes son: “De campamento”, “De Multiaventura”, “Na Diana”, “Oriéntate”, “A Cabalo”, “Lugo Vertical”, “Lánzate!”, “BTT”, “Colle a Onda” e “Móllate”.

Xunto ás rutas en helicóptero, para esta segunda semana de maio están previstas outras seis camiñadas pola Ribeira Sacra, A Mariña, Terra Chá e A Montaña, nas que están anotadas preto de 300 persoas. A programación comezou o luns con dúas rutas. Unha pola zona sur da provincia, que realizaron 48 integrantes da Asociación de Veciños Os Seis Muíños da parroquia lucense de Santalla de Lamas e que consistiu nunha visita ó Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, unha comida no restaurante “Ribeira Sacra” de Monforte, o percorrido dunha ruta de sendeirismo hasta Pena do Castelo, unha degustación na adega Regina Viarum e unha parada en Gundivós. A outra saída foi demandada polo servizo de animación sociocultural do Concello de Lugo e fixérona 48 persoas. O destino foi tamén a Ribeira Sacra. Comezou cunha visita á olería de Bonxe e continuou cunha comida no restaurante monfortino “JM” e paseos polo Mirador do Duque, Pena do Castelo, Cadeiras e a adega Noguedo.

Na xornada de hoxe, ademais dun voo en helicóptero pola Costa lucense, houbo outra viaxe á zona sur, neste caso realizada por 48 membros de ATEGAL (Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos) en Lugo, que se achegaron ás Insuas do Miño, comeron no restaurante “Durán” de Escairón e coñeceron o Mirador Cabo do Mundo, a igrexa e a praia fluvial da Cova, o pobo de Belesar e a adega Vía Romana.

Mañá terá lugar outro voo en helicóptero polo municipio lucense e unha ruta por Ribadeo, solicitada pola Asociación de Palilleiras de Sarria. 55 integrantes deste colectivo achegaranse ó CENTRAD, comerán no restaurante ribadense “Oviedo”, farán unha travesía pola ría e darán un paseo polo casco histórico e o convento das Clarisas.

A programación desta semana conclúe o xoves con outras dúas viaxes. Deste xeito, 50 usuarios do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) de San Cibrao estarán en Guitiriz tras visitar o Mazo de Santa Comba. No municipio chairego, comerán no balneario e percorrerán as súas instalacións, farán un tramo da ruta dos Sete Muíños e achegaranse ó reloxo analemático da igrexa e á tenda “La Esquina” para ver a elaboración da torta de millo. Por outra banda, un grupo de 48 alumnos do IES Vilar Ponte de Viveiro desprazaranse ó Centro de Interpretación Terras do Miño para visitar despois a palloza e o pobo de Piornedo, e a igrexa de Donís, ambos núcleos en Cervantes. A comida terá lugar no hostal “Piornedo”.