Deputación de Lugo

A Deputación denuncia gravísimas irregularidades sanitarias cometidas polo PP na Granxa Gayoso Castro

Informes de técnicos especializados revelan que dende 2004 non se realizou ningún control de saneamento e que se produciron sacrificios e mortes de animais debido a infeccións irreversibles O Deputado de Gandeiría critica a pésima xestión do Partido Popular, xa que malia ser coñecedores desta situación, permitía a comercialización do leite e facilitaba a adquisición de embrións infectadas ós gandeiros de zonas como a Terra CháAdemais de manter estas instalacións sen licenza de actividade, o PP tiña un veterinario contratado que nunca desempeñou esta función na Granxa, cobrando cada mes o salario que lle correspondía polo INLUDESO actual goberno non só correxiu todas as irregularidades, senón que iniciou a construción do Centro de Recría a pesar do bloqueo da Xunta de Galicia

O Deputado de Gandeiría, José María Arias, denunciou este xoves que dende que o actual equipo de goberno chegou á Deputación non fixo máis que solucionar os problemas e as irregularidades sanitarias cometidas polo Partido Popular na Granxa Gayoso Castro como legalizar estas instalacións, buscarlles unha utilidade que non só fose producir leite e sanear a cabana gandeira. Tendo e conta a xestión levada a cabo pola anterior Deputación, Arias amosou a súa sorpresa pola visita realizada no día de onte polo Presidente da Xunta a un centro de mellora xenética lugués e explicou porque o Partido Popular lle sae caro ós gandeiros. “Alégramonos de que o Presidente da Xunta colabore cunha empresa, pero terá que explicar como rexeita colaborar co primeiro centro de recría público de España, e resalto o de público, competencia directa da Xunta de Galicia, aínda que lle pese ó señor Feijóo. Ademais, Feijóo bloqueou máis dun ano a declaración de impacto medioambiental, o que impediu que pudiésemos iniciar antes as obras do Centro de Recría”.

Ademais de ter que legalizar estas instalacións, xa que o PP mantivo durante máis de dúas décadas estas explotacións sen estar recoñecidas como explotación gandeira nin ter licenza de actividade, durante os anos 2004, 2005 e 2006, o Deputado provincial revelou que non se realizou ningún control santiario na Granxa, algo que é imprescindible nunha explotación e que obrigou ó actual equipo de goberno a sacrificar a metade da cabana gandeira existente. Para solucionar esta situación, en 2007 o organismo provincial solicitou a alta na Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira (ASDG) de Castro de Rei para cumprir co programa zoosanitario, “e que todo gandeiro está obrigado por lei. Ademais, o PP opuxérase frontalmente durante anos a esta incorporación, de aí que non houbese ningún control sanitario externo. Non lles interesaba que os veterinarios dunha Asociación traballasen na Granxa. Calquera gandeiro sabe que, por lei, está obrigado a realizar análises dos animais”.

Dende esa data técnicos Asociación realizaron unha serie de análises que revelaron os seguintes problemas sanitarios que para calquera gandeiro “son a peor desgraza que lle pode pasar”, xa que os animais deixan de ser rendibles economicamente, causando unha importante perda de ingresos e beneficios. Ademais, o tratamento destas enfermidades implica un importante gasto para os propietarios das explotacións, sobre todo porque en moitos casos é necesario sacrificar o animal para erradicar os virus. Algúns exemplos das anomalías sanitarias detectadas foron as seguintes:

1º.- O 40% dos animais, un total de 70, deron positivo en IBR, un virus que foi o causante de numerosos abortos nos animais preñados que naquel momento había na Granxa.

2º.- O 68%, 113 animais, deron positivo en BVD, a enfermidade que provocaba diarrea nos tenreiros nada máis nacer e que, en moito casos, remataba coa morte dos becerros. “Esta enfermidade intentouse erradicar en Galicia, pero a Granxa Gayoso, dirixida polo PP, fomentou a súa expansión”, sinalou o Deputado.

3º.- 6 animais estaban infectados por Neospora, un parásito que provocou abuntadantes abortos e partos prematuros. Entre estes animais estaban reses donantes de embrións como a Salena, a vaca adquirida en Canadá e que no seu día foi número 1 en España por ICO (Índice xenético establecido pola Confederación Nacional de Asociacións de Frisona Española- que valora a produción, a graxa, a calidade proteica e a morfoloxía do animal).

4º.- Producíronse mortes elevadas tanto de animais adultos como de tenreiros lactantes debido a outro tipo de infeccións irreversibles no intestino, pero non están cuantificadas pola ausencia de arquivos.

Distribución de embrións de animais infectados e sen veterinario

Ademais, José María criticou que o anterior equipo de goberno favorecese que durante anos moitos dos embrións infectados fosen adquiridos polos gandeiros da zona da Terra Chá para a mellora xenética das súas explotacións, a través da realización de sorteos na propia Granxa. “Levaban anos facendo sorteos entre os gandeiros da comarca de embrións positivos nestas enfermidades, algo prohíbido pola Unión Europea dende o ano 1987. Estas prácticas causaron seguramente moitas infeccións na zona. Isto é o que facían ali. Isto está rozando o delito”.

Asimesmo, criticou que o Partido Popular tivese un veterinario contratado, funcionario do INLUDES, pero que nunca desempeñou esta función na Granxa. “Aquí había un veterinario que levaba máis de 10 anos practicamente expulsado e adicado a dar clases na Universidade e a facer cursos, pero non podía pisar estas instalacións porque era un terreo prohibido. Non lles interesaba que todos estes datos sanitarios fosen controladas, por iso o botaron. Cando nós chegamos, encargámonos de que este mesmo funcionario se adicase a traballar exclusivamente na Granxa, que para iso era o seu cometido. Iso sí, cada mes cobraba o salario que lle correspondía como traballador do INLUDES”.

Situación regularizada

Na actualidade, a saúde sanitaria da Granxa está totalmente normalizada e regularizada. Os técnicos da ASDG aplicaron 2.150 doses desinfectantes e subministraron 2.724 de vacinas para erradicar virus como os mencionados anteriormente, de tal xeito que, a día de hoxe, non hai ningún animal infectado por estas enfermidades. Nestes momentos, existen 130 cabezas de gando frisón, das que 50 están en ordeño. A produción é de máis de 430.250 litros ó ano, o que representa un incremento do 30% con respecto a cando o actual equipo de goberno chegou á Deputación.

Ademais, grazas ó convenio subscrito con ACRUGA, o organismo provincial tamén impulsa o sector da carne, favorecendo a expansión da Raza Rubia Galega. Deste xeito, pasouse de ter 50 reses hai catro anos a 325 na actualidade. Por outra banda, a reprodución baséase na inseminación artificial cos mellores toros do mercados, empregando a monta natural excepcionalmente naqueles casos das vacas que teñen problemas de fertilidade.

Asimesmo, reorientouse a funcionalidade da Granxa tamén dende o punto de vista educativo. Por primeira vez, existe unha programación formativa destinada a profesionalizar o sector agrogandeiro. Neste senso, o Deputado provincial adiantou que dende o día 22 ó 27 de maio as instalacións gandeiras acollerán o curso de agricultura e gandeiría ecolóxica que se engade ó de enerxías renovables aplicado a explotacións gandeiras que se impartiu no mes de abril. En xuño impartirase o de benestar animal; en setembro, o de actividades alternativas á agricultura e gandeiría convencionais: apicultura, helicicultura (cría de caracois), lombricicultura (cría de lombrices); en outubro, o de riscos laborais; en novembro, o de benestar animal adicado a condutores e coidadores; e, en decembro, o de tratamento de residuos en explotacións gandeiras.