Deputación de Lugo

A Deputación apoia á Diocese de Lugo para potenciar a cidade como lugar de peregrinación cristiá

Besteiro asinou este xoves co Bispo un convenio por valor de 64.000 euros encamiñado a difundir e poñer en valor a exposición permanente do Santísimo Sacramento na Catedral, que reúne unhas características únicas no mundo O obxectivo é dinamizar o sector turístico e a actividade económica, ademais de xerar emprego, incentivando as visitas relixiosas a LugoO acordo inclúe a contratación de bolseiros para investigar a orixe e historia da exposición permanente da Sagrada Forma e que o Bispado mostre ós cidadáns o seu patrimonio histórico cultural a través de actividades da Deputación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, asinou este xoves no salón de plenos de San Marcos un convenio co Bispo lucense, Alfonso Carrasco Rouco, en virtude do cal o organismo provincial lle concede á Diocese unha axuda de 64.000 euros para potenciala cidade como centro de peregrinación cristiá, co obxectivo de dinamizar o sector turístico e a actividade económica, e contribuír á xeración de emprego. Para elo, difundirase e poñerase en valor unha das súas sinais de identidade, como é a exposición permanente do Santísimo Sacramento na Catedral, un feito polo que Lugo é coñecida como a Cidade do Sacramento. A basílica maior lucense é a que ostenta dende hai máis tempo –polo menos 6 séculos- este privilexio papal de manter o corpo de Cristo permanentemente custodiado por unha chama sempre prendida ante un grupo de fieis adorándoo durante as 24 horas. Esta longa tradición, xunto ó feito de que a Sagrada Forma estea no altar maior fan que a catedral de Lugo sexa única no mundo.

Na sinatura do acordo entre Deputación e Bispado estiveron presentes o Alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, o ex Embaixador de España cerca da Santa Sede, Francisco Vázquez, e representantes de Confrarías de Semana Santa da Cidade.

Gómez Besteiro salientou “estou convencido de que este convenio será o principio de algo grande para a comunidade cristiá e católica, e para todos os veciños desta provincia. Este valor relixioso de pasado, presente e agora de futuro vai a dar un gran beneficio espiritual e económico”. Carrasco Rouco subliñou que “é unha boa noticia para a Catedral, para os fieis cristiáns, para a cidade e para a provincia. Sen Lugo e sen a súa Catedral non se pode coñecer a historia de Galicia”. O Bispo sentenciou que isto “e inicio dun camiño prometedor e fructuoso”.

Pola súa banda, López Orozco destacou que este convenio vai permitir “dar a coñecer o que somos, a historia de Lugo e a de Galicia. Temos o privilexio de celebrar o Ano Santo todos os días”. Mentres, Francisco Vázquez incidiu en que “durante 5 anos e ata hai 10 días fun testemuña de actos similares promovidos por cidades de Europa e América. Quero felicitar ó Presidente da Deputación e ó Bispo de Lugo polo que vai a representar esta iniciativa no coñecemento de Lugo e de Galicia. A provincia vai a ser centro e foco de peregrinación e promoción en España e Europa. As miñas palabras veñen dende o coñecemento de experiencias en cidades de europeas obsesionadas por promocionar o Camiño. Lugo está en condicións de logralo. Este convenio vai a ter unha gran transcendencia”.

Catro liñas de actuación

O convenio inclúe catro liñas de actuación encamiñadas a incentivar as visitas relixiosas á cidade. Por unha banda, a potenciación da festividade de Corpus Christi, unha das cerimonias máis lonxevas da tradición popular e relixiosa de Galicia, con máis de 3 séculos de historia, na que as cidades do antigo Reino de Galicia (Betanzos, Mondoñedo, Tui, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago) se tornan para facer a tradicional ofrenda ó Santísimo Sacramento exposto de maneira permanente desde 1669 na Catedral. Este evento ten unha repercusións moi notables na economía local ó atraer a miles de persoas.

Tamén se desenvolverán traballos de investigación no Arquivo Catedralicio acerca da orixe e historia da exposición perpetua do Santísimo Sacramento como feito que distingue a Lugo, e tamén sobre en que termos se concede a Indulxencia Plenaria ós fieis na catedral. Para elo contrataranse bolseiros, o que contribuirá a reducir as listas de desempregados. Outras das accións subvencionadas é a restauración e exposición do antigo Palio da Catedral, o que contribuirá tamén a xeración de emprego.

No marco do convenio, Deputación e Diócese chegaron así mesmo ó acordo de que a Igrexa abra as portas do seu patrimonio histórico cultural para que os cidadáns o poidan coñecer e gozar del a través de actividades organizadas polo organismo provincial.