Deputación de Lugo

A Granxa Gayoso Castro reforza a súa labor de formación a gandeiros, agricultores e estudantes da provincia

Imaxe deputación de lugo
Amplía a temática dos seminarios ofertados ata o de agora poñendo en marcha un variado programa formativo que abordará cuestións como a produción ecolóxica, as alternativas á agricultura e gandeiría convencionais e o tratamento de residuosA inscrición nos cursos, totalmente gratuítos e abertos tamén ó público en xeral, pode facerse chamando ó número de teléfono 982.22.78.12

A Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, puxo en marcha un programa de cursos gratuítos dirixido a traballadores do sector gandeiro e da agricultura, e ós estudantes de disciplinas relacionadas, co que reforza a labor de formación que ten encomendada co obxectivo de favorecer a rendibilidade, desenvolvemento e sostibilidade da actividade agrogandeira, fundamental na economía da provincia.

O centro amplía deste xeito a temática dos seminarios ofertados ata o de agora, tocando cuestións que transcenden o mero coidado do gando, tales como a aplicación de técnicas de produción ecolóxica, riscos laborais e o tratamento de residuos nas explotacións, así como as alternativas á agricultura e gandeiría convencionais, como por exemplo a apicultura, a helicicultura (cría de caracois) e a lombricultura (cría de lombrices), ou a produción de setas, castañas ou champiñóns, entre outras. Os conferenciantes serán en tódolos casos expertos recoñecidos nas materias a tratar.

Aínda que o público obxectivo do paquete de cursos son os profesionais do sector e os estudantes, a inscrición está aberta a todo tipo de persoas. Os interesados en participar poden anotarse chamando ó número de teléfono 982.22.78.12.

As actividades desenvolveranse hasta o mes de decembro e os horarios estableceranse segundo o número de inscritos. As xornadas máis inmediatas terán lugar na semana do 23 ó 27 de maio e versarán sobre a agricultura e a gandería ecolóxicas. Serán impartidas por María Sol Arias e Xan Neira, pertencentes ó Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

O programa continuará cos seguintes cursos:
- Benestar Animal: Haberá dous, un entre os días 4 e 8 e 23 e 27 de xuño, e outro entre o 14 e o 25 de novembro.
- Actividades alternativas á agricultura e a gandeiría convencionais: Do 12 ó 16 de setembro.
- Riscos Laborais: Do 17 ó 21 de outubro.
- Tratamento de Residuos en Explotacións Gandeiras: Entre o 12 e o 16 de decembro.