Deputación de Lugo

In Lugo acolle a presentación dun novo servizo de atención a maiores e dependentes a través de Internet

Unha vintena de traballadores sociais e representantes de empresas acudiron á demostración, que responde ós obxectivos do centro de desenvolver e probar novidosos produtos e servizos que axuden a mellorar a calidade de vida das persoasUn grupo de investigación da Universidade da Coruña deseñou o dispositivo presentado, que posibilita ós usuarios manter a través da Rede unha comunicación audiovisual directa e as 24 horas do día cun servizo asistencialO Centro de Innovación Social organiza o sábado un taller gratuíto para ensinar a empresarios e emprendedores como sacarlle o máximo proveito ó uso dos blogs no seu negocio. Hai 50 prazas dispoñibles

O Centro de Innovación Social In Lugo acolleu este martes a presentación dun novo servizo de atención domiciliaria dirixido ás persoas maiores e dependentes baseado en Internet. Trátase dun dispositivo denominado “Telexerontoloxía” que foi desenvolvido pola Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña co financiamento do Ministerio de Traballo, e que permite ós usuarios manter unha comunicación audiovisual directa e permanente -as 24 horas do día- cun servizo asistencial a través da Rede, utilizando para elo a liña de teléfono convencional e o televisor. Entre outras posibilidades, poden realizar consultas médicas en directo, sesións de rehabilitación e exercicios, ser valorados por persoal médico ou facer chamadas de emerxencia. O servizo tamén inclúe un sistema de localización e telealarma.

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu á vintena de persoas que asistiron á demostración, entre traballadores sociais de seis concellos da provincia, representantes de empresas e integrantes de diversos colectivos, entre eles Cruz Vermella. A sesión responde ós obxectivos de In Lugo, impulsado pola Deputación, de desenvolver e probar novidosos produtos e servizos que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas.

O catedrático de Xerontoloxía e Xeriatría José Carlos Millán Calenti, director do grupo de investigación que deseñou o dispositivo, foi o encargado de facer a presentación. Este novo servizo de atención domiciliaria está deseñado, desenvolvido e fabricado en Galicia e nace froito da evolución da teleasistencia clásica, apoiándose nos avances das tecnoloxías da información e a comunicación. Coa súa implantación favorécese que as persoas maiores e dependentes pasen máis tempo no seu domicilio, evitando o seu internamento en centros residenciais.

Este é o segundo servizo que se presenta no Centro de Innovación Social (CIS), trala demostración celebrada en febreiro da aplicación “Cuidado myJoice”, ideada pola empresa lucense Colabora Ingenieros, que permite ó usuario ver na pantalla da televisión a foto da persoa que o está chamando por teléfono e falar con ela, sen ter que moverse do sofá ou da cama.

Catro talleres esta semana

Co fin de achegar as novas tecnoloxías ós lucenses, fomentar o envellecemento activo e impedir o illamento dos veciños da provincia, In lugo -promovido polo organismo provincial e cofinanciado polo Ministerio de Industria nun 88,9% a través do Plan Avanza- organiza actividades de formación e divulgativas totalmente gratuítas e dirixidas a todos os públicos. Esta semana haberá catro cursos:

- Taller de iniciación á informática: Comezou o luns e continuará hasta mañá, en horario de 16:00 a 18:00 horas. Ten 15 prazas.

- Taller para aprender a manexar o e mail e os buscadores de Internet: O mércores e o xoves, de 12:00 a 13:00 horas. 15 prazas.

- Taller de redes sociais: De mércores a venres, en horario de 10:00 a 12:00. 15 prazas.

- Curso de OpenOffice: Entre o mércores e o venres, de 18:00 as 20:00 horas. 15 prazas.

Ademais, o sábado, a partir das 11:00 horas, celebrarase unha xornada na que se mostrará a empresarios e emprendedores como manexar un blog e como sacarlle o máximo proveito para o seu negocio, pois trátase de plataformas que permiten fidelizar clientes e manter unha interacción continua con eles. A actividade, que conta con 50 prazas, é gratuíta. Será impartida por Pedro Silva, o creador de “blogagliza.org”, un dos maiores xestores de bloques de todo o país e o maior nos de idioma galego.

Por outra banda, mañá mércores concluirá o curso de fotografía réflex que se viña impartindo dende o pasado 2 de maio no telecentro da Fonsagrada.