90 desempregados lucenses voltan en xullo ó mercado laboral co Pacto Provincial polo Emprego
Un total de 90 participantes do Pacto Provincial polo Emprego inician en xullo as súas prácticas en distintas empresas da provincia dentro deste programa, co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo, co que o organismo provincial está a formar dende o pasado mes de marzo a 576 desempregados da provincia nas profesións diagnosticadas, previamente, como as de maior futuro en Lugo.
Deste xeito, logo de concluír o proceso teórico, 53 persoas traballan dende o pasado venres como monitores socioculturais en empresas dos Concellos de Sarria, Lourenzá, Bóveda, Carballedo, A Pontenova, Vilalba, Castro de Rei e Monforte de Lemos. Asimesmo, nas vindeiras semanas, comezarán as súas prácticas en Fundación Mensajeros de la Paz, Fundación Eu Son, residencias Betania, Bartolomeu, Nuestra Señora del Carmen e Carlos IV, así como en ALALÁS e Centro de Atención a persoas con discapacidade de Sarria, os beneficiados da accións formativa Atención sociosanitaria en institucións, desenvolta en distintas edicións nos municipios de Burela, Palas de Rei, Sarria, Vilalba e Monforte de Lemos.
En agosto, a organización do proxecto continuará co programa de prácticas, co que os asistentes teñen a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos durante a formación teórica, aumentando as súas posibilidades de inserción nos nichos de emprego máis demandados. Neste senso, ó longo dese mes, comezarán a parte práctica os asistentes das seguintes accións formativas: Atención sociosanitaria a domicilio de Foz, Ribadeo, Viveiro, A Fonsagrada, Becerreá, Monterroso e Chantada; Servizos de Restaurante de Foz, Vilalba e Monforte de Lemos; Promoción turística de Sarria; e Aproveitamentos forestais do Valadouro e Meira. O inicio da parte práctica concluirá o 1 de setembro con esta última acción formativa que se imparte no Concello de Guitiriz.
A formación está destinada a todos os desempregados da provincia, agás o do Concello de Lugo que ten máis de 5.000 habitantes e o seu propio Pacto. O Programa inclúe 45 accións formativas relacionadas coas áreas sociosanitaria, hostalería, turismo e forestal. Suman máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. A formación ten un custe 0 para os participantes, quenes reciben unha axuda económica equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais. En canto a distribución dos participantes, 246 pertencen ós Concellos da zona centro; 192 á Mariña e 138 á zona sur.
Pacto polo Emprego II
Un total de 1.600 persoas formalizaron a solicitude no INLUDES para participar na 1º convocatoria deste programa, case o triple das prazas ofertadas. Tendo e conta o seu éxito, a Deputación formalizou en marzo a solicitude ante o Ministerio de Política Territorial para acadar novos fondos europeos que permitan dar continuidade a este programa, a través dun novo proxecto: Pacto polo Emprego 2. Logo da resolución das axudas comunitarias este pasado venres, a institución recibiu un total de 3.571.526 euros, sendo o proxecto que conseguiu máis fondos en Galicia dos subvencionados polo Fondo Social Europeo. Ante os bos resultados, a institución provincial creará máis traballo nos novos nichos de emprego; duplicará a formación remunerada que a Deputación presta na actualidade, ampliando as prazas de 576 participantes actuais a 1.200; e facilitará que os beneficiarios poidan obter o Certificado de Profesionalidade, que é imprescindible para moitas profesións.