Deputación de Lugo

A Deputación rematará no prazo de dez días o campo de fútbol de herba artificial de Foz

Gómez Besteiro e o Alcalde en funcións supervisaron os traballos que se inclúen dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, iniciativa a través da cal o organismo provincial inviste 1,5 millóns de euros neste municipioCo paquete de proxectos, encamiñado á dotación e mellora de servizos, a Deputación mantén 87 postos de traballo, que se suman ós 33 contratados na localidade mariñana co Lugo EmpregaO máximo mandatario provincial adianta que en xullo rematarán as obras de acondicionamento da estrada de Reiriz a Espiñeira, financiadas ó 100% con fondos propios

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Foz, José María García Rivera, ambos os dous en funcións, supervisaron este mércores as obras que financia o organismo provincial para dotar de herba artificial ó campo de fútbol de Malates, en Foz. Deste xeito, Gómez Besteiro cumpre o compromiso asumido no mes de marzo cando anunciou que as obras desta infraestrutura estarían rematadas este mes. “En marzo diciamos que en xuño estaría rematado. Agora dicimos máis, en dez días a obra estará acabada. Neste Concello poderán xogar ó fútbol os 365 días do ano, sen ter quer marcharse a outros Concellos. Foz deixa de ser de segunda división para pasar á primeira".

Esta é unha das 9 actuacións que o organismo provincial acomete no municipio mariñano no marco do Plan Extraordinario de Obra Pública. O paquete de proxectos está encamiñado a dotar e mellorar servizos e equipamentos e conta cun presuposto de 1,5 millóns de euros. Na execución destas obras traballan un total de 87 operarios, que se suman ós 33 contratados por medio do plan Lugo Emprega, co cal suman 120 empregos os que xera o organismo provincial neste municipio. Coa creación dun campo de herba artificial, a Deputación, a petición do Concello, atende unha forte demanda do sector do deporte e dos veciños en xeral de dispoñer dunhas instalacións axeitadas para a práctica futbolística, xa que o recinto actual presenta deficiencias que dificulta o seu uso. Neste caso, a inversión é de 450.000 euros.

Pola súa banda, García Rivera destacou que “hoxe é un día especial. Os cidadáns sempre esperan dos políticos serios que cumpran o que comprometen. Isto é unha realidade. Un campo que quedará para o futuro, ó igual que fixo a Deputación con todas as obras coas que se comprometeu en Foz. Cumpriu ó pé da letra".

Remate das obras na estrada Reiriz-Espiñeira

Dentro deste Plan, impulsado polo organismo provincial para adiantarse á saída da crise, a través do aumento do investimento de obra pública e xerando novos postos de traballo, a Deputación está a acondicionar a estrada que comunica Reiriz con Espiñeira. Neste senso, Gómez Besteiro sinalou que “os traballos que viñan reclamando os veciños da zona dende hai anos non só avanzan a bo ritmo senón que estarán rematados no mes de xullo. Igual que fomos onte á Fonsagrada a seguir facendo o que prometemos antes das eleccións, en Foz seguimos cumprindo coas necesidades dos cidadáns".

A este respecto, lembrou que o actual equipo de goberno non só desbloqueou a execución desta actuación -a anterior Deputación deixáraa adxudicada, pero sen expropiar os terreos-, senón que ampliou as obras á totalidade da estrada, pasando dos 400 metros iniciais á acondicionar toda a vía que ten unha lonxitude de 2,2 quilómetros. Neste caso, ademais da renovación do firme, dótase á vía de beirarrúas, alumeado público e servizos de telecomunicación, saneamento e abastecemento de auga. O presuposto é de 550.00 euros.

Os sete proxectos restantes que ten previsto a Deputación en Foz están a maior parte rematados ou en vías de execución, agás a construción de tres illas para o soterramento de contedores de lixo, no que inviste 120.364 euros, e que se iniciará proximamente. Neste senso, xa están finalizadas a reforma da escola de Forxán, en San Martiño de Mondoñedo (con 26.867 euros); parque infantil na Rúa Congostra do Cura e adecuación do da Praza Conde de Fontao (13.295 euros) e execución das arquetas de bombeo na Pontevella, en Fazouro (89.052 euros).

En fase de execución atópanse as seguintes: acondicionamento de salas de exposición e cafetería no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) e instalación de spa na piscina municipal (120.092 euros); subministro de bombas para a impulsión de residuais nas parroquias de Fazouro e Cangas execución, así como o equipamento e infraestruturas de servizos básicos, e mellora na rede viaria municipal con dotación de aglomerado (146.379 euros). A maiores destas obras, o organismo provincial tamén costea con 33.948 euros a redacción do proxecto para a construción dunha residencia de maiores con 100 prazas e un centro de día incorporado.

Máis investimentos en Foz

Estas actuacións inclúense dentro dos investimentos que o organismo provincial realizou nos primeiros catro anos neste municipio e que ascenderon a 3,4 millóns de euros. Ademais dos citados anteriormente, a Deputación apoiou ós veciños onde o necesitaba o Concello executando 27 obras do Plan de Comunidades Veciñais e ofrecendo a posibilidade de facer trámites coa entidade local dende a súa casa grazas ó programa Innova-TE. Asimesmo, o organismo provincial tamén puxo en valor as praias de Foz coa certificación medioambiental de 9 areais para que teñan turismo de calidade. A creación do Consorcio Provincial de Bombeiros permitirá que os 9.800 veciños do municipio estén seguros por primeira vez . En materia de infraestruturas, melloráronse e acondicionáronse os máis de 30 quilómetros de vías que xestiona o organismo provincial neste municipio.

Constitución Corporación local

Sobre a inminente constitución da nova Corporación local, Gómez Besteiro subliñou que “o que debe presidir todo acto é o sentido común. A esquerda, entendida por PSOE, BNG e Unifoz, polo que expresaron publicamente, gañou as eleccións á dereita. Polo tanto, non debe gobernar a dereita. Segunda regra: a coalición debe estar presidida polo socio maioritario. Sería o máis coherente, respectando ós que pensan diferente. Despois habería que estudar os programas para ver se hai coherencia".