Deputación de Lugo

A Deputación amplía a outros 4 Concellos a experiencia pioneira en Galicia para reducir os danos na agricultura por fauna salvaxe

Os municipios de Castroverde, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna benefícianse da iniciativa coa que a Deputación xa diminuíu os danos nos cultivos do TECOR da Fonsagrada nun 70%Dado o éxito acadado, os técnicos provinciais estudan a posibilidade de aplicar o novo sistema ás localidades produtoras de viño, nas que estes animais provocan perdas económicas moi cuantiosasEn España tan só contan cunha iniciativa semellante as provincias de Toledo, Soria e Zamora

A Deputación continúa a desenvolver a experiencia pioneira en Galicia para diminuír os danos na agricultura por fauna salvaxe que levou a cabo no municipio da Fonsagrada en 2009. Dado o éxito acadado e os beneficios obtidos, o organismo provincial decidiu estender a iniciativa ós Concellos de Castroverde, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna, nos que a afluencia de animais é maior que noutros municipios, causando danos moi cuantiosos ós agricultores da zona.

A experiencia piloto levouse a cabo, nun primeiro momento, en 11 hectáreas da Fonsagrada, conseguindo reducir nun 70% os danos nos cultivos, segundo os datos facilitados polo TECOR deste municipio, que conta con 42.000 hectáreas e é un dos máis grandes de España. A solución adoptada consistiu na semente de diferentes tipos de millo e trigo en varias parcelas, de tal xeito que a súa aplicación favorece a apetencia do xabarín, evitando que actúe nas fincas de particulares e nas vías de circulación. Dado os bos resultados obtivos en Fonsagrada, o organismo provincial repite a iniciativa noutras 28 hectáreas correspondentes ós municipios citados anteriormente, de tal xeito que a porcentaxe da redución dos danos nestes casos situarase inicialmente nun 40%.

Só 3 provincias de España teñen unha iniciativa semellante

En España tan só contan cunha iniciativa semellante as provincias de Toledo, Soria e Zamora. Con esta medida non só se evitan que se produzan danos con cultivos alternativos, senón que se reduce o risco de que os animais invadan a rede viaria provincial e, por tanto, o número de accidentes por fauna salvaxe. Neste senso, o organismo provincial repite o proceso para seguir diminuíndo os efectos destes animais que, debido a inexistencia de depredadores e ó despoboamento, motivan que a especie prolifere en exceso.

Asimesmo, os técnicos provinciais están a estudar a posibilidade de aplicar este sistema nas localidades da Ribeira Sacra nas que os animais causan importantes danos na cepa das vides. Concretamente, o TECOR de Quiroga xa solicitou a colaboración do INLUDES para paliar esta lacra que cada vez máis está a afectar ós produtores de viño da zona sur da provincia, o que lles provoca perdas económicas cuantiosas, tal e como indica a Federación de Caza de Lugo.

A Deputación puxo en marcha esta iniciativa ó longo de 2009. Nun primeiro momento, fíxose un seguemento dos danos producidos, para logo proceder á preparación das parcelas, identificando a época e as zonas máis susceptibles de produción do dano e, finalmente, a semente do cereal.