Deputación de Lugo

Martínez aclara que o Alcalde de Vilalba priva ós veciños de novos servizos por valor de 820.000 euros

A Xunta de Goberno deixou enriba da mesa a contratación de obras no municipio chairego por 390.000 euros porque “o Rexedor ou non traballa ou está de vacacións” Oito meses despois de acordar cos Alcaldes as actuacións dos convenios de 1 millón de euros e logo de contratar o 90% destas en todos os municipios agás en Vilalba, o Rexedor entrega en agosto a documentación de xeito parcial e solicita modificacións

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou que a Xunta de Goberno deste venres viuse na obriga de deixar enriba da mesa a contratación das obras de acondicionamento da vía LU-P-6515 ó seu paso pola área recreativa e a praia da Magdalena, en Vilalba, porque dito Concello non entregou á Deputación a documentación necesaria. Trátase dunha obra enmarcada no Plan Extraordinario de Obra Pública, dotada de 390.000 euros, aportados na súa totalidade pola institución provincial.

Martínez lembrou que xa no mes de decembro, o organismo provincial e o municipio chairego acordaron as actuacións do convenio de 1 millón de euros de dito Plan. Precisamente, este texto establece que mentres a Deputación financia e contrata os traballos, a única obriga dos Concellos é entregar os proxectos. “Oito meses máis tarde, o Alcalde de Vilalba é o único que non fixo os deberes e o que fixo está mal”, destacou.

O tamén Deputado de Xestión Territorial salientou que, “mentres os Rexedores de Monforte de Lemos, Becerreá, Burela, Foz, Sarria, A Fonsagrada, Lugo e Viveiro entregaron coa máxima axilidade os proxectos, permitíndolle á institución ter adxudicado ó 90% das obras, un total de 63 actuacións en ditos municipios, o Alcalde de Vilalba esperou ata o 10 de agosto para entregar no rexistro parte da documentación”. En dita data, o organismo provincial recibiu o proxecto da obra de acondicionamento da vía LU-P-6515 ó seu paso pola área recreativa e a praia da Magdalena, pero non a acta de replanteo necesaria para a súa adxudicación.

Martínez destacou que, ante esta situación, a Deputación púxose en contacto co Concello vilalbés recibindo por resposta que non podía entregar este documento porque o persoal está de vacacións, feito que obrigou á Xunta de Goberno deixar enriba da mesa a adxudicación destas actuacións.

Ó respecto das restantes obras en Vilalba do convenio de 1 millón de euros, o Deputado subliñou que o Alcalde solicitou agora, tamén o 10 de agosto, unha modificación nas actuacións acordadas, “as mesmas que el propuxo en decembro. Non se aclara. Seguimos sen enterarnos cal é a postura do Alcalde salvo que esté a torear á Deputación. Mentres tanto, hai 15.000 veciños que están esperando a que se executen obras por valor por un total de 820.000 euros para mellorar as súas condicións de vida porque o Alcalde non traballa ou está de vacacións”, sentenciou.

Deste xeito, hai 8 meses, o Concello propuxo leva a cabo as seguintes actuacións co 1 millóns de euros aportados pola Deputación: adquisición superficie no contorno da praia fluvial e complexo lúdico-deportivo “A Magdalena” (280.000 euros, pendente dende decembro do proxecto municipal para a súa contratación); adquisición finca para o contorno da futura gardería municipal (60.000 euros. O Rexedor pediu nos últimos días modificar esta partida económica); acondicionamento dos espazos públicos das fincas adquiridas para usos recreativos no complexo de A Magdalena (90.000 euros. Actuación que agora o Alcalde non contempla); acondicionamento da vía LU-P-6515 (390.000 euros. Pendente da documentación municipal logo de ser entregada, tamén en agosto, de xeito parcial); e reurbanización da rúa Porta da Encina (180.000 euros. En proceso de tramitación logo de que o Concello entregase nos últimos días o xustificante da súa execución).

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou ademais, as contas xustificativas de de 3 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas nos Concellos de Lugo (1) e Alfoz (2), por valor de 52.744 euros, dos que a Deputación aportou 35.246 euros. Os traballos foron: restauración de retablos laterias dunha igrexa en Lugo; acondicionamento de varios acceos e alumeado público na parroquia de Lagou, en Alfoz.