Deputación de Lugo

A Deputación garante que O Incio modifique o seu PXOM, achegando máis de 64.000 euros

Presidente e Alcaldesa asinan un pioneiro convenio para o desenvolvemento sostible e real do municipio que esixen os veciños, suplindo á Xunta, administración que rexeitou faceloA aprobación do PXOM en 2005 aumentou en máis de 5.000 as fincas urbanas malia que só o 1% dos 2.000 habitantes constrúe novas vivendas e que isto supuxese novos impostos Besteiro e Celeiro presentan o novo DVD do grupo de folk do Incio “Arandela” que realizaron profesionais da Fundación TIC xunto á estudantes da Escola de Imaxe e Son

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, asinaron este mércores un pioneiro convenio na historia da institución lucense co obxectivo de favorecer o desenvolvemento sostible e real deste municipio da zona sur. Trátase dun acordo enmarcado dentro da aposta pola máxima cooperación cos Concellos mediante o cal o organismo provincial achega un total de 64.108 euros ó Incio para garantir a modificiación do seu PXOM tal e como reclaman os veciños. Gómez Besteiro subliñou que “aínda que foi un dos primeiros Plans Xerais era importante a súa modificación porque así o viñan reclamando os veciños. Estamos a falar do documento máis importante para un Concello que, ademais, cómpre dun bo traballo técnico. Partindo da súa importancia, centramos a axuda da Deputación”. O Presidente ratificou este compromiso no Libro de Honra e foi agasallado pola Corporación municipal co escudo de armas do municipio.

No ano 2005, O Incio aprobaba o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal, converténdose nun dos primeiros Concellos de Galicia en facelo pero incrementando significativamente e de xeito desorbitado o solo edificable dun municipio de 2.000 habitantes onde só o 1% se decanta por construír novas vivendas, ó prevalecer a rehabilitación das mesmas. Actualmente, o 60% do territorio deste municipio é urbano fronte ó 40% rústico. Segundo a última valoración catastral, O Incio conta hoxe con 6.776 fincas urbanas fronte ás 1.663 de 2010. Este incremento en máis de 5.000 áreas edificables leva aparellado un inevitable aumento na recadación do Imposto de Bens e Inmobles que podería oscilar entre os 80.000 e os 100.000 euros. Neste senso, a Alcaldesa subliñou que “hoxe é un día grande para O Incio. Con este convenio ábrese unha porta para modificar o PXOM, reducir o solo urbano e, polo tanto, o imposto do IBI. Espero que sexa a primeira das mostras de apoio da Deputación con este municipio”.

Neste municipio unha mesma persoa figura como propietaria de ata 20 fincas todas elas convertidas en urbanas co PXOM, supoñendo o incremento no IBI. A suma nos impostos, xunto ás nulas intencións de urbanizar, conleva que centos de veciños esixan dende hai tempo a modificación deste proxecto.

A petición da Alcaldesa

Ante esta situación e tendo en conta o momento de crise económica actual no que os Concellos se ven imposibilitados de levar a cabo novos investimentos, o anterior Rexedor solicitou axuda á Xunta co fin de paliar as consecuencias do Plan de Ordenación Municipal que viña de aprobar o seu equipo de Goberno.

Hoxe O Incio segue á espera da resposta do Goberno galego, feito que obrigou a actual Alcaldesa a plantexar outras solucións, poñéndose en contacto coa Deputación. Logo de estudar a situación deste municipio, a institución suple unha vez máis ó Goberno galego na provincia, facendo un esforzo inversor de 64.108 euros e sendo a 1º vez que ofrece colaboración para modificar un PXOM. O organismo provincial aboará esta cantidade en 3 anualidades: 6.000 euros este ano, 29.054 euros en 2012, cifra que achegará de novo en 2013.

Dvd da Arandela

O Presidente e a Alcaldesa presentaron o vídeo promocional do grupo de música tradicional “Arandela” que veñen de realizar profesionais da Fundación TIC, organismo da Deputación, coa participación de alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas do eido audiovisual tamén depende da institución provincial.

O traballo audiovisual, cuxa proxección tivo lugar na Casa do Cabazo por ser un dos escenarios nos que se gravou, inclúe unha presentación do grupo e dúas pezas musicais. A agrupación de folk “Arandela” está formado por cinco mozos que se iniciaron na música tradicional en clases que se impartían en horario extraesclar na Cruz do Incio. Está composto por dúas gaitas, un acordeón, un tamboril e un bombo.

O titular provincial lembrou que “O Incio sempre foi terra de músicos, unha tradición que pasou de pais a fillos desde hai séculos e que, por fortuna, continúa grazas a mozos como os de Arandela”. Neste senso dixo que “poñemos as novas tencoloxías ó servizo de mozos músicos, da conservación da nosa tradición e da promoción dun Concello coma O Incio, cunha grande riqueza medioambiental e paisaxística”.

A TIC cos músicos lucenses

A Fundación TIC xa elaborou outros vídeos musicais de grupos lucenses como “La búsqueda” de Escala Drinker e “News conclusions” de Sun Face, e está a recibir a petición de colaboración de moitas outras agrupacións de toda a provincia. Ademais, xunto co Concello de Lugo, a TIC apoia a músicos lucenses a través do programa “Xoves con Arte”, que ten por obxectivo a promoción de agrupacións musicais da cidade a través de maquetas que se gravaron nos estudos “Abrigueiro” que o produtor Arturo Vaquero ten en Friol. A maiores, a Fundación colaborou noutros destacados proxectos audiovisuais que contribúen a promocionar a provincia de Lugo entre eles, o vídeo musical “Torres de Compostela” da eurovisiva Lucía Pérez.