Deputación de Lugo

A Deputación amplía o casco urbano da Pastoriza cunha nova rúa na que investiu 230.000 euros

O Presidente, xunto ó Alcalde, inaugurou este céntrico espazo que comunica a Praza de Galicia e o barrio da Forxa, sendo o principal acceso ó P.A.I e ó futuro Centro de DíaInstitución provincial e Concello transforman unha superficie de 3.000 m2 nun novo espazo público en servizo dos veciños e melloran o tránsito no centro da localidade chairegaXunto a estas obras, as ampliacións de accesos en Bretoña e Corvelle ou a creación da 1º área de descanso, fan que o último aforro da institución ó Concello supere os 600.000 euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, inaugurou este sábado a nova rúa coa que conta dita localidade chairega. Trátase dun céntrico espazo construído e financiado na súa totalidade pola institución provincial, achegando para elo 230.000 euros do euros dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública.

A rúa, polo de agora coñecida como “da Forxa” á espera dun nome oficial que outorgará o Pleno municipal, esténdese nunha superficie de 3.000 metros cadrados na que, ata que o Concello a mercou para logo cederlla de xeito temporal ó organismo provincial e executar estes traballos, só existían fincas de cultivo. Conta ademais, con 16 metros de ancho e 200 metros de longo, iluminación de baixo consumo, abastecemento de auga e sumidoiros, zonas de aparcadoiro laterais, así como unha zona arborada.

Ditas actuacións realizadas pola Deputación supuxeron as seguintes vantaxes: ampliación do casco urbano, creación dun novo espazo público en beneficio de todos os veciños mediante a transformación dun terreo anteriormente privado, e mellora do tránsito no centro da localidade chairega.

E é que centos de persoas transcorrerán por este novo espazo debido ó seu céntrico emprazamento. É o nexo de unión co futuro centro de día para o que o Concello xa adquiriu os terreos necesarios, así como co Punto de Atención Infantil (P.A.I) que construíu a entidade local mediante unha subvención de 120.000 euros do Plan E do Goberno Central e que abrirá as súas portas de xeito inmediato xa que o único trámite pendente é a concesión da licencia de apertura por parte da Xunta.

Aforro ás arcas municipais

Ademais da construción da “rúa da Forxa”, a Deputación está a levar a cabo a ampliación de varios accesos en Bretoña e Corvelle dentro do Plan Extraordinario, de tal xeito que o investimento total ascende a 600.000 euros. Esta cantidade foi asumida na súa totalidade pola Deputación, supoñendo un significativo aforro ás arcas municipais. Outro exemplo das actuacións do organismo provincial na creación de servizos municipais na Pastoriza a custe cero para os veciños é a construción da primeira área de descanso neste municipio, coa que se aforraron outros 50.000 euros.

Os usuarios da estrada que une Lugo e Vegadeo, unha das máis transitadas do Concello chairego, contan xa cun espazo cuberto de madeira, mesas, bancos, papeleiras, xardineiras e unha fonte. Ademais, co obxectivo de conseguir unha maior integración co medio, tamén se restauraron as árbores existentes e se colocou unha barreira de protección para o paso dos vehículos.