Deputación de Lugo

Trinta alumnos do colexio Divino Maestro de Lugo coñecen a colección de instrumentos musicais do CENTRAD

Os rapaces, acompañados polos seus mestres, foron testemuñas do proceso de elaboración dun instrumento no obradoiro do Centro de Artesanía e Deseño, dependente da DeputaciónO CENTRAD ofrece visitas para dar a coñecer os seus fondos e a actividade dos seus artesáns a calquera persoa ou colectivo que o desexe

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), dependente da Deputación, recibiu esta mañá a visita de 32 rapaces do Colexio Divino Maestro de Lugo, que coñeceron as salas da Colección de Instrumentos Musicais e o seu Obradoiro, como complemento da súa formación escolar. Dende o centro educativo amosaron o seu interese por dar a coñecer ós seus alumnos os fondos desta colección e para iso puxéronse en contacto co CENTRAD, que lles ofreceu a posibilidade de aproveitar a mañá deste mércores para que rapaces da ESO acompañados polos seus mestres puideran achegarse a coñecer de primeira man o patrimonio musical que alberga a Colección de Instrumentos Musicais e o labor dos seus artesáns no obradoiro, onde foron testemuñas de como a materia prima máis sinxela se transforma nos máis variados instrumentos. Ó igual que para estes escolares de Lugo, o Centro de Deseño e Artesanía ten abertas as súas portas para todos os que teñan interese en coñecer unha parte importante da nosa historia musical, que descansa nas súas salas.

O CENTRAD: un espazo aberto a todos

A Colección da Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do CENTRAD, declarada Visitable pola Xunta de Galicia en decembro de 2008, non só forma parte do Rexistro de Museos e Colección de Galicia (MUGA), senón que recentemente conseguiu, pola súa importancia e sona fóra da nosa terra, que o Ministerio de Cultura a inclúa no Directorio de Museos e Coleccións do Estado.

Non só se pode visitar o Centro grazas á programación de rutas do Km0, senón que calquera pode achegarse ata as instalacións do Centro, situadas na Rúa Chantada, e percorrer as salas de catro xeitos diferentes segundo as súas necesidades e intereses:

Visitas libres: para percorrer as salas libremente. En breve, o CENTRAD terá a disposición dos seus visitantes unhas guías prácticas para aproveitar a súa visita do mellor xeito posible.

Visitas guiadas: dirixidas a grupos de 15 a 20 persoas, simplemente concertando unha data poderán contar durante o seu percorrido polas salas con persoal formado que os guiará e lles ofrecerá abundante información sobre as pezas expostas e o traballo artesán.

Visitas técnicas: este tipo de visita está dirixido a profesionais e investigadores do eido da música, así como a aqueles colectivos que teñan un especial interese en calquera aspecto do noso patrimonio musical. Neste tipo de visitas, é o responsable da Colección, Luciano Pérez, o que facilita explicacións de carácter técnico.

Visitas activas: dirixidas, polo seu carácter máis especializado, a profesores de Conservatorios Profesionais e Escolas de Música que cos seus alumnos, en grupos de 10 persoas como máximo, desexen trasladar a súa aula á exposición. Ademais das ensinanzas impartidas, tamén poderán ter acceso a algún dos instrumentos das vitrinas para facer unha clase participativa, cando o estado de conservación dos instrumentos así o permita e sempre baixo a supervisión do responsable técnico da colección.

Calquera destas visitas son totalmente gratuítas e poden realizarse en horario de 10:00 a 14:00, se ben este é flexible, de xeito que permita adaptarse ás necesidades dos visitantes. Ademais, todas elas pódense completar cun percorrido polo obradoiro do instrumento antigo e moderno que, dende a súa creación no ano 1952, está integrado nas instalacións e onde se pode gozar co traballo que alí desenvolven os cualificados artesáns que o manteñen vivo e onde ofrecen a súa experiencia ós mestres artesáns do futuro. A oferta complétase coa existencia dunha biblioteca e arquivo especializados, con fondos documentais de libre consulta para todos e que inclúe un servizo de préstamo.

Esta é só unha mostra do que a Deputación ofrece no seu Centro de Artesanía, no seu empeño de dar a coñecer entre o público en xeral a actividade dos artesáns como unha vía para apoiar e estimular as medidas necesarias para conservar, protexer e promocionar este sector.