Deputación de Lugo

A Deputación rematará a constitución dos órganos de xestión das Reservas da Biosfera a mediados de novembro

Esta data fixouse trala reunión que o Presidente mantivo cos Alcaldes dos 3 Concellos situados dentro da Reserva dos Ancares, declarada en 2006 e que ocupa o 6% da superficie da provinciaA institución provincial prepara un Plan de Acción que definirá as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento a aplicar en Terras do Miño e Os Ancares, que deberán aprobar estes órganos de xestiónO BOP publicará este sábado a convocatoria para que se sumen ó proxecto os colectivos sociais e profesionais incluídos nestes espazos naturais, ben sexan comunidades de montes, organizacións agrarias, ecoloxistas, de turismo rural ou de defensa do patrimonio

A Deputación de Lugo rematará a mediados de novembro o proceso de constitución dos órganos de xestión das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, converténdose nunha das primeiras administracións de Galicia en dar este paso. A institución provincial fixou esta data trala asemblea que o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este venres cos Alcaldes dos tres Concellos incluídos no espazo natural da Montaña: Navia de Suarna, José Fernández; Cervantes, Benigno Gómez; e Becerreá, Manuel Martínez. Nesta asemblea quedou conformado o Órgano de Participación da Reserva dos Ancares, ó igual que onte se creou ó correspondente a de Terras do Miño.

Os pasos que quedan por dar agora son dous. En primeiro lugar, incorporar ós Órganos de Participación creados entre onte e hoxe a representantes de aqueles colectivos sociais e profesionais que estean interesados, ben sexan comunidades de montes, organizacións agrarias, ecoloxistas, de turismo rural ou en defensa do patrimonio. Para elo, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicará este sábado unha convocatoria, á que poderán presentarse todas aquelas asociacións que así o desexen, sempre e cando desenvolvan a súa actividade no territorio incluído dentro destes espazos naturais. En segundo lugar, haberá que constituír os denominados Consellos Reitores de ambas Reservas, que asumirán as funcións de decisión e execución das medidas. Deste xeito, quedará completada a estrutura de dirección.

A Deputación xa está a traballar na elaboración dun Plan de Acción que definirá as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento a aplicar en Terras do Miño e Os Ancares nos próximos anos. Precisamente, os órganos de xestión que se están a poñer en marcha estes días deberán aprobalo tras revisalo e introducir as propostas que consideren oportunas.

Concellos e cidadanía, auténticos protagonistas

Coa iniciativa adoptada polo organismo provincial, os Concellos e a cidadanía pasan por primeira vez a ter voz na toma de decisións relacionadas coa xestión das reservas, converténdose en auténticos protagonistas no deseño das estratexias de futuros destes espazos. Deste xeito, administracións municipais e organizacións sociais e profesionais terán a oportunidade de propoñer iniciativas encamiñadas ó desenvolvemento socioeconómico e á conservación das Reservas, e suxerir actuacións que revertan na mellora de calidade de vida dos veciños e do seu entorno.

Ata o momento, a Deputación asumía en solitario a xestión das Reservas Terras do Miño e Os Ancares a través do programa Lugo2, financiado con fondos europeos e co que se crearon 60 postos de traballo directos.

O 55% da provincia é Reserva da Biosfera

Lugo é a única provincia de España na que máis do 55% do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO, un valor engadido que a Deputación quere aproveitar polas oportunidades económicas e de creación de emprego que ofrece e tamén polo abano de posibilidades que abre para atallar un dos máis graves problemas que afronta a provincia, o despoboamento demográfico. Declarada en 2006, a dos Ancares foi a segunda Reserva recoñecida en Lugo e a terceira de Galicia. A súa superficie total é de 53.664 hectáreas, o que supón aproximadamente o 6% do territorio da provincia.