Deputación de Lugo

A TIC gravará este sábado o Concerto de Outono que organiza a coral de voces brancas Cantar Delas

Imaxe deputación de lugo
A igrexa de San Pedro acollerá a partir das 20:30 horas o concerto, no que tamén participará a coral Polifónica do Hospital Xeral-CaldeUn equipo formado por bolseiros e profesionais da Fundación elaborará un DVD dentro do convenio asinado entre Cantar Delas e a TIC

A Fundación TIC gravará este sábado o Concerto de Outono que protagonizarán as corais “Cantar Delas” e “Polifónica do Hospital Xeral-Calde” na igrexa de San Pedro do Concello de Lugo a partir das 20:30 horas. O encontro está organizado por “Cantar Delas”, o único coro de voces brancas da provincia e unha das 50 asociacións que ten asinado convenio de colaboración coa TIC para a difusión das súas actividades. A gravación correrá a cargo dun equipo formado por bolseiros e profesionais da Fundación.

Dous coros, dous estilos

As dúas corais que participarán no Concerto de Outono están dirixidas por Fernando Gómez Jácome. Na primeira parte actuará a “Polifónica do Hospital Xeral-Calde” que interpretará, entre outras pezas, “Quen poidera namorala”, “Habanera” de Gil de Alcalá e “Coro de escravos” da ópera Nabuco de Verdi. A continuación, “Cantar Delas” interpretará “Negra sombra” de Xoán Montes, “Ave María, OP.12” de Brahms ou “Das klinget so herrlich” de Mozart. O concerto rematará cas dúas agrupacións cantando conxuntamente “Barcarlole” de Offenbach.

Voces brancas

O grupo coral Cantar Delas, o primeiro exclusivamente de mulleres que se creou en Lugo, naceu na primavera do ano 2007 por iniciativa do presidente da asociación, Julio Méndez, e do seu director, Fernando Gómez Jácome. A súa presentación ó público foi en marzo de 2008, na igrexa de San Pedro. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, amadriñou o concerto inaugural.

Dende entón, a asociación cultural celebrou en Lugo varios cursos de técnica vocal e numerosos concertos en colaboración con outros coros lucenses, do resto de Galicia e de Asturias. Na actualidade, a coral está integrada por 30 mulleres de diversas idades.

A TIC ó servizo dos lucenses

A Fundación TIC ten asinados 50 convenios con empresas tecnolóxicas e asociacións sen ánimo de lucro da provincia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS, para que completen a súa formación e poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual.

Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONG´s e asociacións culturais para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade e entidades deportivas que fomentan o deporte base, así como empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. Este ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos da provincia.