Deputación de Lugo

Jorge Coira analizará a obra de Hitchcock no Pazo de San Marcos dentro do ciclo 'Leccións de Cine'

Imaxe deputación de lugo
O director e co-guionista da galardoada 18 comidas abordará os aspectos relativos á dirección da película, Vértigo, considerada un dos grandes clásicos da historia do cine A conferencia, que impartirá o cineasta e tamén Patrono da Fundación TIC, está organizada polo Club Valle Inclán. Terá lugar día 3 no Salón de actos da Deputación e estará aberta ó público en xeral

O director de cine Jorge Coira e membro do Padroado da Fundación TIC, intervirá este xoves, día 3 de novembro, no ciclo “Leccións de Cine” que está a celebrar o Club Cultural Valle Inclán, no Pazo de San Marcos. O director e co-guionista da galardoada 18 comidas analizará os aspectos relativos á dirección da película, Vértigo de Alfred Hitchock. Co fin de achegar ós lucenses á sétima arte, o club convidou a catro cineastas de Lugo a falar do mesmo filme, considerado un dos grandes clásicos da historia do cine.

Con anterioridade, en “Leccións de Cine” xa interviron o Presidente da Real Academia Galega do Audivisual Antonio Mourelos, quen disertou sobre o traballo do actor, así como Pepe Coira, quen se referiu á produción da película. O cuarto participante será o músico Piti Sanz, cuxa clase terá lugar o vindeiro día 10 de novembro.

Patrono da Fundación TIC

A comezos do ano 2009, O realizaror e director de cine foi nomeado membro do Padroado da Fundación TIC, xunto ó xornalista José María Besteiro, un dos produtores do país con maior proxección internacional. Dende a súa creación, a Fundación que depende da Deputación incluíu no seu órgano reitor ós dous expertos do sector audiovisua que, ademais, teñen unha gran vinculación coa provincia.

Jorge Coira, nado en Rábade, en 1971, comezou a ter sona na década dos noventa pola dirección de cinco curtametraxes, As xoias da señora Bianconero (1994), cun guión cómico que escribiu con Luis Tosar; Gran liquidación (1995); O Matachín (1996); e ¿A ti como se che de adeus? (1999). No ano 2000, realizou as series documentaisVida nas mareas e Chunda chunda. Un ano máis tarde dirixiu a serie de televisión Terras de Miranda e, no ano 2002, o telefilme Entre bateas. En 2003, realizou 26 episodios da serie televisiva, As leis de Celavella.

Jorge Coira dirixiu, en 2004, a súa primeira longametraxe O ano da carracha, pola que recibiu o premio Mestre Mateo. Dous anos máis tarde, regresou á pequena pantalla para realizar a serie musical Mundo verbena. En 2007, traballou como editor da película de Antonio Hernández El menor de los males, e como realizador de varios episodios da serie R.I.S. Científica . En 2008, comezou a dirixir Padre Casares, serie que emite na actualidade a Televisión de Galicia.

Proxección internacional

Coa película 18 comidas, chegou o recoñecemento internacional a carreira de Jorge Coira. A fita, en cuxo reparto figura Luis Tosar, acadou o premio á Mellor Dirección no Festival Internacional de Taormina, celebrado no mes de xuño do pasado ano. O realizador lucense impúxose na Mediterranean Competition ás seis películas nominadas, entre as que figuraba 'Rapazas', de Yasmina Reza ou a italiana 'Despois da vida', de Gianfrancesco Lazotti.