Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Lugo difunden entre entidades locais, empresas e cidadáns as vantaxes das novas tecnoloxías no rural

Administración provincial e local conclúen cun seminario no Centro de Innovación Social as actividades do proxecto europeo Parnet-TIC, no que participan dende 2009 xunto con outras 6 entidades do resto de España, Portugal e Francia Os trinta asistentes, entre técnicos locais de emprego, empresarios, asociacións e veciños, coñeceron a través de disertacións teóricas e experiencias reais as posibilidades das TIC, tanto para mellorar o benestar social, como para favorecer o desenvolvemento económicoA través do Parnet-TIC, a Deputación desenvolveu un proxecto piloto en Abadín e Chantada co obxectivo de implantar ferramentas informáticas dirixidas a axilizar a comunicación entre a cidadanía e a administración, e mellorar a prestación de servizos

A Deputación e o Concello de Lugo organizaron este xoves no Centro de Innovación Social In Lugo un seminario co obxectivo de difundir entre as administracións locais, empresas, asociacións e veciños da provincia as posibilidades que ofrece o uso das novas tecnoloxías no medio rural, tanto para mellorar a calidade de vida das súas xentes, como para favorecer o seu desenvolvemento económico, tendo en conta a capacidade das TIC para facilitar a posta en marcha e a viabilidade de proxectos empresariais, e a creación de emprego. Con esta xornada divulgativa, Deputación e Concello lucense conclúen o proxecto Parnet-TIC, unha iniciativa de cooperación transnacional financiada nun 70% por fondos europeos que ten como obxectivo estender o uso das novas tecnoloxías nas zonas rurais para contribuír ó desenvolvemento equilibrado do territorio, rompendo a fenda dixital.

Precisamente, no seminario celebrado hoxe expuxéronse as actuacións e os logros acadados no marco do Parnet-TIC, no que as dúas administracións lucenses participan dende 2009 xunto con outras 6 entidades do resto de España, Portugal e Francia: as deputacións da Coruña, Almería e Huesca, o Concello portugués de Águeda e a localidade francesa de Ville de Pau, ademais da Universitaire Européen de Montpellier, tamén en Francia. O Parnet-TIC, dotado cun orzamento global de 1,8 millóns de euros para tódolos socios, está integrado no programa de cooperación territorial Espacio Sudoeste 2007-2013 da UE, que pretende consolidar o sudoeste europeo como un espazo de cooperación territorial nos ámbitos da competitividade, a innovación, o medio ambiente, o desenvolvemento sostible e a ordenación espacial.

Experiencias reais

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e o Tenente de alcalde do Concello lucense, Francisco Fraga, inauguraron o seminario, ó que acudiron unha trintena de persoas, entre técnicos locais de emprego e representantes de empresas, asociacións e veciños en xeral. O programa incluíu catro disertacións sobre as oportunidades e melloras que posibilita a extensión das TIC no rural, aportando non só conceptos teóricos, senón tamén expoñendo experiencias reais. En primeiro lugar, Juan Diego Gallego, director executivo de Zeenla, unha empresa lucense dedicada á prestación de servizos de márketing e publicidade a empresas, falou do impacto das redes sociais no medio rural. Seguidamente, o director do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación, Pablo Rivera, presentou as actuacións e aplicacións informáticas desenvolvidas polo organismo provincial no marco do Parnet-TIC; Marta Álvarez Quintero, xerente de Granxa Maruxa, en Monterroso, expuxo a súa experiencia como promotora dun proxecto innovador de éxito; e Daniel Cerqueiro, director da firma Galinus, dedicada á comunicación por Internet, e vicepresidente da Asociación de Empresas Galegas dedicadas á Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), explicou as oportunidades das TIC para crear emprego nas zonas rurais.

A xornada rematou cunha mesa redonda sobre a administración electrónica e o rural, celebrada a través de videoconferencia entre representantes das entidades socias do Parnet-TIC. O director do INLUDES, Luis Edrosa, e Francisco Fraga, que ademais de Tenente de Alcalde do Concello de Lugo é Concelleiro de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, foron os encargados de clausurar o encontro.

Este seminario forma parte dun ciclo de xornadas organizado polos socios españois e luso do Parnet-TIC para difundir entre administracións públicas, empresas e sociedade en xeral as actuacións levadas a cabo a través do programa co fin de que poidan aproveitar nun futuro as experiencias implantadas. A xeira de encontros divulgativos arrancou o luns no municipio portugués de Águeda e, tralo celebrado hoxe en Lugo, continuará o 28 na Coruña, o 29 en Huesca e o 30 en Almería.

Proxecto piloto en Abadín e Chantada

No caso da Deputación de Lugo, grazas ó Parnet-TIC desenvolveuse un proxecto piloto nos Concellos de Abadín e Chantada co obxectivo de implantar ferramentas informáticas para axilizar a comunicación entre a cidadanía e as administracións locais, facilitar a participación veciñal na xestión de asuntos públicos e mellorar a prestación de servizos. As aplicacións on line, que xa están a disposición dos veciños nas respectivas páxinas web dos Concellos, son as seguintes:

Sistema de Geoinformación, Incidencias e Avisos (SISGEO): Con esta aplicación os cidadáns poden de maneira sinxela, a través da web, comunicar incidencias na vía pública, consultar avisos e eventos, ou solicitar a recollida de residuos na súa localidade. Terán unha canle de comunicación directa co Concello, de maneira que este poderá resolver máis rápido as incidencias que ese produzan no municipio.

Sistema de Consultas Electrónicas (SISCOM): A través desta ferramenta, as entidades locais poderán someter á consulta da cidadanía calquera asunto de interese público, como son as obras ou medidas tomadas ou que teña previsto adoptar, e tamén recoller propostas dos veciños sobre actuacións futuras.

Sistema de Mensaxería Electrónica (SISMS): Trátase dun sistema deseñado para axilizar a comunicación da cidadanía coa Administración local en relación cos servizos que presta. Os veciños poderán recibir información sobre cuestións municipais (avisos de apertura de inscricións, de datas de eventos, etc.) a través do teléfono móbil ou o correo electrónico, e tamén enviar mensaxes a través destes mesmos medios.