Deputación de Lugo

A Fundación TIC participará este domingo na homenaxe popular a Luis Tosar en Xustás coa gravación dun DVD

Imaxe deputación de lugo
O Presidente intervirá no acto que será aberto ó publico e no que se recoñecerá o labor de promoción de Lugo que está a realizar o actor de prestixio internacionalA elaboración do vídeo, no que participarán bolseiros da Escola de Imaxe e Son, é froito do convenio da TIC coa Federación de Asociacións de Veciños da provinciaA Fundación tamén difundirá os oficios tradicionais do rural coa gravación da primeira xornada sobre Migración e Indianos este sábado en Santaballa

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará na homenaxe popular que este domingo se lle rendirá a Luis Tosar en Xustás, a parroquia de Cospeito na que naceu o actor de prestixio internacional. A Fundación súmase ó recoñecemento que realizarán veciños, amigos e seguidores a Tosar coa gravación dun DVD que recollerá todos as actividades que se desenvolvan durante a cita.

A elaboración do vídeo enmárcase no convenio entre Fundación e Federación de Asociacións de Veciños da provincia de Lugo á que pertence a Asociación Xente de Xustás, colectivo responsable da organización desta homenaxe. O obxectivo deste acordo é dar difusión ás actividades deste colectivo, ademais de contribuír a inserción laboral dos alumnos da Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, mediante formación práctica e real. Por iso, os bolseiros da EIS colaborarán na elaboración deste traballo audiovisual.
 
Un chairego ilustre
A cerimonia comezará ás 12:00 horas do mediodía nas inmediacións do edificio do vello teleclub onde se descubrirá un monolito con praca conmemorativa. Ademais do protagonista da homaxe, tamén intervirán o Presidente da Deputación, o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños da provincia, Jesús Vázquez, e o voceiro da parroquia e amigo da familia Tosar, Gonzalo Rodríguez. O acto estará amenizado por un grupo de música tradicional galega e rematará cun ágape.

Luis Tosar, nacido en Xustás en 1971 e gañador de tres premios Goya polas súas interpretacións en “Los lunes al sol”, “Te doy mis ojos” e “Celda 211”, sempre se amosou orgulloso das súas orixes lucenses e chairegas. Con esta homenaxe, os veciños da súa parroquia natal queren manifestarlle o seu aprecio e admiración por promocionar os nomes de Xustás e Lugo. No acto, que será aberto a calquera persoa interesada, o homenaxeado estará acompañado polos seus familiares e persoas máis achegadas.

Oficios tradicionais en Santaballa
Técnicos da TIC e bolseiros da EIS tamén gravará esta fin de semana a Primeira Xornada sobre Migración e Indianos que organiza a Liga Santaballesa na Escola Habanera desta parroquia vilalbesa con motivo da presentación do documental “Lembranzas da infacia, recordos da Escola”.

O programa arranca ás 10:30 horas e incluirá varias charlas sobre o tema. Pola tarde, haberá unha merenda popular con queimada. Durante todo o día, os membros da Liga recrearán diversas labores e oficios de comezos do século XX. Ademáis, haberá xogos tradicionais e celebraranse senllos concertos de habaneras e de gaiteiros. Na xornada participará, a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín.