Deputación de Lugo

A Deputación mellora o acceso e a seguridade a 28 núcleos rurais da Fonsagrada co remate da Ponte de Freixo

O organismo provincial finalizará a comezos da vindeira semana os traballos de construción da nova infraestrutura, que conta cun investimento de 135.000 euros, e que foi parcialmente destruída polas choivas do pasado mes de marzoAdemais da obra de Fonsagrada, a Deputación tamén vén de concluír todas as obras incluídas no Plan do Canon de Guntín, que permitiu mellorar o abastecemento de auga na capitalidade do municipio, a praza nova da Casa da Cultura e varios accesos a núcleos ruraisDentro deste Plan, o organismo provincial leva executadas nos 16 Concellos con produción hidroeléctrica un total de 96 actuacións por valor de máis de 5 millóns de euros

A Deputación rematará a principios da vindeira semana as obras de construción da nova ponte de Freixo, situada no municipio da Fonsagrada. O organismo provincial acometeu esta actuación, dotada con 135.000 euros, logo de que as intensas choivas rexistradas no mes de marzo provocasen o derrubamento parcial da antiga infraestrutura de pedra que daba acceso a 28 núcleos rurais das parroquias de San Pedro de Río e San Xulián de Freixo, con 259 veciños afectados, que transcorren a diario por esta infraestrutura.

Para evitar calquera trastorno e garantir a seguridade dos veciños da zona, o organismo provincial habilitou de inmediato un paso provisional, consistente nunha plataforma de formigón armado, situada xunto a estrutura danada. Avaliada a situación e tendo en conta as necesidades da poboación afectada, a institución luguesa acordou construír unha nova ponte sobre 3 vigas de formigón, cunha lonxitude de 12,5 metros por 6 de ancho, características estas moi superiores ás que presentaba a antiga ponte e que evitarán novos derrubamentos.

As obras foron adxudicadas coa máxima celeridade posible, se ben o seu comezo se retrasou pola necesidade de agardar a que o nivel do río estivese o suficientemente baixo para poder comezar os traballos. Por mor diso, estableceuse unha prórroga de tres meses, segundo a cal as obras deberían estar rematadas nos primeiros días do mes de outubro.

Executado o 100% das obras do canon de Guntín

A Deputación continúa aumentando o investimento en obra pública na provincia. Precisamente, vén de rematar todas as actuacións do Plan do Canon do concello de Guntín. Con esta iniciativa, dotada con preto de 243.000 euros, o organismo provincial non só dotou de servizos básicos aos veciños, senón que conseguiu crear novos espazos públicos neste municipio. Deste xeito as obras, que previamente foron consensuadas co Alcalde, incluiron en primeiro lugar a substitución das tubaxes do abastecemento de augas na capitalidade do Concello. E é que a estrada nacional 540, o seu paso polo núcleo urbano, presentaba por ambas marxes da calzada unha rede de tubaxes de fibrocemento que se atopaban dende hai tempo en mal estado, sendo imprescindible proceder á súa renovación polo que, tal e como contempla o proxecto de obra, o organismo provincial decidiu a súa substitución. Así mesmo, repuxéronse os pavimentos afectados mediante aglomerado na calzada e baldosa nas beirarrúas.

Por outra banda, e tamén no centro urbano, acondicionouse unha parcela de titularidade municipal situada na parte posterior da Casa da Cultura e que se atopaba en desuso, converténdoa nun espazo de utilidade pública coa colocación de pavimento de lousa tipo pizarra, dunha zona de céspede e dunha rampa para facilitar o acceso á nova praza.

Así mesmo, a Deputación tamen mellorou un dos accesos que comunica os núcleos rurais de Trastulfe e Pradedo de Abaixo, que presentaba un aspecto moi deteriorado que dificultaba o tráfico, tanto peonil coma rodado, o que convertía esta obra nunha actuación urxente dende hai tempo. Ademais das obras de Guntín, dentro desta iniciativa, o organismo provincial xa executou un total de actuacións nos 16 concellos que contan con produción hidroeléctrica, o que supuxo un investimento de mais de 5 millóns de euros.