Deputación de Lugo

Case 620.000 euros investíronse na dinamización económica do Casco histórico con cargo ó Plan Urban

Imaxe deputación de lugo
O Concello concedeu 119 axudas para melloras en negocios e outras 10 para a creación de novas empresas no Casco histórico de LugoOutras seis solicitudes de axudas para creación de novas empresas presentáronse na nova convocatoria que rematou hoxeA Concelleira de Economía facilitou estes datos na presentación da Guía de compras de Lugocentrum e anunciou que esta asociación volverá ter a colaboración económica do Concello o ano que vén

O Concello de Lugo leva concedidas 119 axudas para melloras en negocios do Casco histórico da cidade con cargo ó Plan Urban, que financian a Unión Europea, o Concello e a Deputación provincial. O importe destas axudas foi de 211.000 euros e supuxeron un investimento total de máis de 400.000 euros para mellorar os negocios situados no centro da cidade. Con estas subvencións, destinadas a dinamizar o comercio no Casco histórico, fixéronse melloras como a instalación de rótulos e de toldos así como a mellora de fachadas. Outra liña de axudas, de recente creación, é a destinada a remozar as fachadas de negocios que dan ó paseo interior da Muralla.

Ademais, o Plan Urban conta com outra liña de subvencións que permitiu a posta em marcha de 10 novas empresas, coa conseguinte creación de postos de traballo no centro da cidade. Hoxe mesmo rematou o prazo da última convocatoria destas subvencións e foron presentadas seis solicitudes máis que agora deberán ser avaliadas. As subvencións que xa foron concedidas teñen un importe de 78.000 euros e contribuiron a facer un investimento total de 219.000 euros na creación de novas empresas no centro da cidade.

A Concelleira de Economía facilitou estes datos hoxe na presentación da Guía de compras e servizos da tempada outono-inverno da Asociación de comerciantes Lugocentrum, que tamén conta co apoio económico do Concello. De feito, Sonia Méndez, aproveitou o acto para anunciar que Lugocentrum volverá recibir financiación municipal no ano 2012. Tamén agradeceu o esforzo que están a facer os comerciantes e empresarios do centro, en colaboración co Concello para dinamizar o Casco histórico e a súa economía porque iso, dixo, redunda en beneficio de toda a cidade.

Pola súa parte, o Presidente da Asociación de comerciantes do centro, José Sánchez Bergantiños, agradeceu o apoio económico do Concello e tamén felicitou a Sonia Méndez polo superávit de 1.200.000 euros co que pechou o exercizo económico de 2010 o Concello de Lugo.

Sánchez Bergantiños explicou que a Guía de compras e servizos da tempada outono-inverno da Asociación Lugocentrum editouse grazas ás achegas económicas que reciben da Concellería de Economía. Tamén indicou que nesta campaña vanse repartir 15.000 exemplares da guía e sinalou que esta iniciativa tivo un custe de 17.000 euros. A guía recopila información dos 130 establecementos adheridos a Lugocentrum, unha entidade que naceu no ano 2002 con pouco máis de 80 socios e, desque naceu, ten o apoio económico do Concello, tal como salientou o Presidente da entidade.