Deputación de Lugo

O Presidente entrega a Medalla de Ouro da Provincia ó ex Secretario da Deputación, Faustino Martínez

O Pleno acordou por unanimidade concederlle a máxima distinción que outorga o organismo lugués pola súa meritoria labor en prol da provincia durante a súa dilatada traxectoria na Secretaría da Deputación, que exerceu 28 anosA Medalla entregada a Faustino Martínez é a décimo quinta da historia da institución lucense, que recibiron distinguidas persoas e entidades, nacionais e internacionais

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega da Medalla de Ouro da Provincia ó ex Secretario da Deputación, Faustino Martínez Fernández, nun acto celebrado este mércores no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos. A Corporación acordou por unanimidade en sesión plenaria concederlle a máxima distinción que outorga o organismo lugués pola súa meritoria labor en prol da provincia desenvolvida durante a súa dilatada traxectoria na Secretaría da Deputación, que exerceu 28 anos. Gómez Besteiro destacou na entrega da distinción a profesionalidade e o perfil institucional de Faustino Martínez: “é unha persoa difícil de reemprazar, que traballou sempre en favor da institución, ó servizo da institución, e, por riba da institución, non está absolutamente ninguén”.

Nado no Concello lucense de Navia de Suarna, Faustino Martínez Fernández é licenciado e Doutor en Dereito pola Universidade de Oviedo, e licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Conta cunha traxectoria de máis de 40 anos de servizo á administración, como Secretario de Primeira Categoría, primeiro nos municipios de Cangas do Narcea (Asturias), Durango (País Vasco) e Ferrol, recalando finalmente na institución provincial luguesa, na que desenvolveu a súa labor dende o ano 1983 ata a súa xubilación, o pasado mes de abril.

Destaca tamén a súa labor docente na Escola Galega de Administración Pública, como parte do corpo de profesores do Máster de Administración Local da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela ou na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo, onde continúa en activo. O ex Secretario provincial alternou esta faceta profesional co exercicio da avogacía e a autoría de numerosas publicacións, nas que abordou cuestións relativas a aspectos da Administración, como a cooperación das Deputacións cos Concellos en materia de servizos municipais ou a responsabilidade patrimonial ou contratación local.

A primeira Medalla outorgouse en 1875

A Medalla de Ouro é unha distinción provincial creada para premiar méritos extraordinarios por ter prestado servizos ou dispensado honras á provincia. O primeiro destes recoñecementos outorgouse no ano 1875, e co de hoxe son quince os que dende entón recoñecen o labor en prol da provincia das persoas ou institucións distinguidas.

O Regulamento de Honores e Distincións da Provincia de Lugo establece que só se poderá outorgar unha por ano natural, sen ter en conta para este cómputo as que se entreguen por cortesía ou reciprocidade ou as concedidas a título póstumo. Ó tempo faise entrega dun diploma acreditativo, orlado con alegorías da provincia.