Deputación de Lugo

Gómez Besteiro levará ó próximo Pleno unha declaración institucional en recoñecemento de Isaac Díaz Pardo

Imaxe deputación de lugo
O Presidente expresou á familia do intelectual galeguista finado o seu sentido pésame e o da Corporación Provincial nun telegrama enviado esta mañáO titular provincial destacou o “extraordinario traballo de dinamización socioeconómica que levou a cabo Díaz Pardo na provincia como refundador e impulsor de Cerámica Sargadelos”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, expresou as súas condolencias e as da Corporación Provincial polo falecemento este xoves do intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo, “un piar esencial da nosa cultura, que desenvolveu un inxente labor como deseñador, pintor, ceramista, editor e empresario”. Nun telegrama enviado esta mañá, Gómez Besteiro manifestou o seu sentido pésame á familia de Díaz Pardo, que, segundo destacou, “particularmente na provincia de Lugo desempeñou un extraordinario traballo de dinamización socioeconómica como refundador e impulsor de Cerámica Sargadelos, converténdoa nun referente tanto a nivel cultural como social”.

Así mesmo, o Presidente avanzou que levará ó próximo pleno da Corporación Provincial unha declaración institucional en recoñecemento “da ampla e dificilmente igualable traxectoria de Isaac Díaz Pardo en favor da difusión da cultura galega no mundo, así como do seu enorme legado artístico”. Besteiro quixo destacar tamén o impulso do histórico galeguista ó Estatuto de Autonomía e o seu fundamental papel en institucións como o Seminario de Estudios de Sargadelos, Edicións do Castro, Laboratorio de Formas, Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside e o Instituto Galego da Información, así como a súa labor como conferenciante e articulista.