Deputación de Lugo

A Deputación dota ós veciños da Ulloa dun complexo multideportivo con piscina climatizada que abrirá en xuño

Besteiro e Gato supervisaron as obras da infraestrutura pública con capacidade superior ós 1.500 usuarios, con servizos deportivos e sociosanitarios para persoas de todos as idades, a disposición de cidadáns en xeral, centros educativos e equipos deportivos da ComarcaO Presidente anuncia que a Xunta de Goberno aprobará mañá unha nova dotación económica para rematar os traballos de construción, dotados de 1,2 millóns de euros O Alcalde de Monterroso destaca que o organismo provincial salda unha débeda histórica con estas instalacións cuxa posta en marcha implicará a creación de novos empregos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, supervisaron este xoves as obras do complexo multideportivo público e de caracter comarcal que executa o organismo provincial en dito municipio cabeceira de Comarca. É unha infraestrutura situada no parque empresarial monterrosino con piscina climatizada, pista multideportiva e ximnasio, con capacidade para máis de 1.500 usuarios e con servizos deportivos e sociosanitarios para persoas de todas as idades.

Gómez Besteiro anunciou que os veciños da Ulloa disporán destas instalacións en xuño xa que mañá a Xunta de Goberno aprobará unha nova dotación económica de 200.000 euros que permitirá rematar as obras de construción nos vindeiros meses. O titular provincial explicou que con este presuposto “pechamos o ciclo da enerxía renovable, pensando en menos custes de mantemento. Hai que aforrar pero sen deixar de dar servizos, pensando na austeridade enriquecedora e non na empobrecedora, é dicir, habrá que facer as cousas de xeito distinto pero habrá que facelas”. Este orzamento engádese o máis de 1 millón de euros que xa adiantou a institución co Plan Extraordinario de Obra Pública, facendo que o investimento total sexa de 1.220.355 euros.

Pola súa banda, Gato Soengas destacou que “estas instalacións estarán ó servizos de veciños de todas as idades porque, non só contarán con pista de pádel, baloncesto ou fútbol, senón que ofrecerá tratamentos termais ós maiores. A Deputación salda unha débeda histórica con Monterroso logo de solicitar este complexo público durante anos á Xunta”. O Alcalde adiantou que as instalacións tamén se ofrecerán ós centros educativos ou equipos deportivos da Ulloa.

Postos de emprego

As obras destas instalacións están a manter na actualidade un total de 50 postos de traballo, os de peóns, maquinistas ou xefes de obra que, neste intre, xa están a levar a cabo o alicatado dos vestiarios e da piscina para, posteriormente, finalizar as actuacións, ultimando a instalación eléctrica e a climatización. O titular provincial salientou que logo, coa posta en marcha deste complexo, crearanse novos empregos na Comarca debido á necesaria incorporación de persoal cualificado tal e como monitores, socorristas, administrativos ou mesmo persoal de limpeza. “Non se trata só de habilitar un novo servizo ós veciños senón de potenciar, a maiores, a creación de traballo na zona”, sentenciou.

Características do complexo

O complexo esténdese nunha parcela de 4.600 metros cadrados e distribúese en tres volumes. No de maior extensión, con 2.939 metros cadrados, sitúase a pista multideportiva, como nexo de unión existe outro bloque cos servizos comúns tales como vestiarios ou oficinas, mentres que no volume restante localízase a piscina climatizada de 200 metros cadrados con capacidade para 100 persoas, ademais do ximnasio de 112 metros cadrados para máis de 20 usuarios. Son unhas instalacións modernas para as que se tiveron en conta factores como o illamento acústico ou o aforro enerxético cun sistema de control de iluminación en función da ocupación real do edificio ou co abastecemento de auga quente mediante un sistema de captación, almacenamento e utilización de enerxía solar.