Deputación de Lugo

Máis de 7.500 persoas redescubriron Lugo grazas ó Km0.Deputación de Lugo durante o 2011

O programa, posto en marcha pola Deputación Provincial co apoio das institucións europeas, facilita dende hai catro tempadas que milleiros de persoas coñezan a riqueza natural e cultural da provincia dende a súa posta en marchaAs seis derradeiras rutas deste ano levarán ós participantes ata os Concellos de Alfoz, Láncara, O Páramo, Paradela, Portomarín, Carballedo, Viveiro e Ribadeo

A Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, recibiu este martes a un grupo da Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua (Vilalba) e a outro da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal (Lugo) que participaron na primeira das rutas coas que a programación de Km0 pecha o ano. 48 participantes do primeiro grupo e outras 48 do segundo pasarán a formar parte das mais de 7.500 persoas que viaxaron pola provincia dende o inicio deste programa, contribuíndo a manter, directa e indirectamente, mais de 3.000 postos de traballo.

O primeiro grupo desplazouse ata o Concello de Alfoz co fin de coñecer a Torre da Homenaxe de Pardo de Cela. Antes de partir cara a Mariña, fixeron unha parada nunha oleiría de Boxe para coñecer de primeira man esta artesanía de sona. Xa de camiño, gozaron coas fermosas paisaxes da Serra do Xistral, espazo natural protexido. A xornada rematou cunha visita o museo etnográfico de Finca Galea Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela.

Pola súa banda, o segundo dos grupos que viaxaron hoxe escolleu a ruta de San Facundo, coa que puideron coñecer os Concellos de Láncara, Páramo e Paradela. En plena Reserva de Terras do Miño, achegáronse a visitar a Casa Grande de Láncara e a ponte medieval de Carracedo. Tras repoñer forzas, viaxaron cara Vilarmosteiro, capitalidade do Páramo para finalizar a xornada visitando o conxunto arquitéctonico medieval de San Facundo de Ribas do Miño, xa no Concello de Paradela.

O mércores, 55 integrantes da Agrupación Deportiva de San Xulián de Nois, de Foz, dirixiranse cara Portomarín, onde coñecerán algunha das riquezas que oferece o Concello, coma as Igrexas de San Pedro e San Xoán, ou a contorna que se pode admirar dende as inmediacións do Club Náutico.

48 solicitantes individuais farán a ruta denominada “Cova e Chouzán”, que os levará ata o Concello de Carballedo. Descubrirán a presa dos Peares e as Igrexas da Cova e de Chouzán, dous monumentos declarados Históricos e que foron reconstruídos no seu emprazamento actual para a construción do embalse. Rematarán a xornada cunha visita ás Adegas Vía Romana.

Finalmente, o xoves, 55 membros da Asociación de Xubilados de Meira e outros 55 da Asociación Terra Libre Galicia, de Sarria, encamiñaranse cara a Mariña lucense. O primeiro destes grupos visitará a Ría de Viveiro, cunha ruta que os levará a coñecer a actividade da Lonxa de Celeiro, subir ó monte de San Roque e rematar vivindo a atividade do obradoiro de Cerámica Regal. O segundo terá como destino o Concello de Ribadeo, onde embarcarán no peirao de Porcillán para facer unha viaxe en barco pola ría e rematar visitando o casco histórico e o Convento das Clarisas da localidade mariñana.