Deputación de Lugo

A Deputación favorece a creación de novos postos de traballo dotando de accesos ó parque empresarial de Paradela

O organismo destinou 573.000 euros do Plan Extraordinario de Obra Pública ó acondicionamento da vía de entrada ó polígono, polo que xa mostraron interese cinco empresas. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o pago da obra, acometida por SUPLUSAManuel Martínez explicou que esta inversión súmase ós 2,5 millóns que a Deputación inviste na urbanización da propia área industrial, que contará con 47.000 metros cadrados O Goberno Provincial prevé adxudicar as obras da Escola de Enxeñería Civil do Campus de Lugo na primeira quincena de xaneiro, segundo avanzou o Deputado de Xestión Territorial

A Deputación de Lugo destinou preto de 573.000 euros do Plan Extraordinario de Obra Pública ó acondicionamento dos accesos ó novo polígono de Paradela, favorecendo deste xeito o asentamento de empresas e a creación de novos postos de traballo tanto na localidade, como no resto da comarca de Sarria, o que “contribúe a xerar riqueza e fixar poboación”, explicou o Deputado de Xestión Territorial e voceiro socialista, Manuel Martínez, trala Xunta de Goberno deste venres, que aprobou o pago das obras na vía de entrada á área industrial, acometidas xa pola Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA). Os traballos consistiron na apertura dunha nova vía entre o polígono e a estrada do campo de fútbol, de titularidade municipal, e na mellora do tramo inicial da estrada do campo de fútbol e do tramo da vía provincial LU-611 Pacios-Escairón que linda co parque empresarial. O acceso, pisado de aglomerado, ten 10 metros de anchura e dotouse de iluminación.

Martínez explicou que a Deputación “inviste 2,5 millóns de euros nas obras de urbanización da área industrial, que asumiu con fondos de SUPLUSA e que se suman a eses preto de 580.000 euros para a mellora dos accesos, previstos no Plan Extraordinario de Obra Pública. Deste xeito, o investimento global ascende a máis de 3 millóns de euros, que a institución realizou con fondos propios, o que permitiu aforrar este custe ás arcas municipais”. Polo momento, unhas 5 empresas mostraron o seu interese para establecer as súas instalacións no polígono.

En canto ó custe das parcelas, o voceiro socialista subliñou que, “tendo en conta a dificultade que as empresas teñen hoxe para adquirir solo industrial debido ós altos prezos que fixan administracións como a Xunta, nós economizamos ó máximo as taxas e logramos que nos polígonos que executamos sexan de media un 67% máis baratas cas do Goberno galego”. Pero ademais, no caso de Paradela, “o prezo será aínda menor, pois concorremos ó Plan Reindus 2011, convocado polo Ministerio de Industria para a reindustrialización e modernización do proceso produtivo, e obtivemos unha axuda de 300.000 euros, da cal destinaremos a metade a abaratar o solo industrial de Paradela, situando o prezo por metro cadrado en 27,5 euros, un 74% por debaixo do que a Xunta fixa, por exemplo, para o lucense de As Gándaras”, asegurou Manuel Martínez.

Outra das facilidades que ofrece a Deputación ós empresarios é a posibilidade de efectuar o pago das parcelas nun prazo máximo de 5 anos, fronte ós 3 anunciados pola Xunta. No caso de que nese tempo os compradores non paguen a parte correspondente, elimínanse as cláusulas de penalización, devolvéndoselle á empresa a cantidade aportada, e a institución provincial recupera a titularidade da propiedade.

O polígono de Paradela é un dos 7 que executa a Deputación dende o 2007. En total, suman 1.220.000 metros cadrados e un investimento de 13,4 millóns de euros, e posibilitan o asentamento dunhas 40 empresas. Na actualidade, están rematados os de Baleira, Begonte, Ourol e Friol, mentres que as obras dos de Castroverde e Chantada están a piques de finalizar.

Campus Universitario

Por outra banda, o Deputado de Xestión Territorial avanzou que a adxudicación das obras da Escola de Enxeñería Civil no Campus Universitario de Lugo adxudicaranse na primeira quincena de xaneiro, unha vez concluída a expropiación dos 11.756 metros cadrados de terreo necesarios para levantar o propio edificio e un viveiro de empresas orientado á investigación empresarial. O proceso retrasouse debido á complexidade do proxecto en si e tamén polo complexo da elaboración do informe técnico preceptivo que debe emitirse previamente á adxudicación das obras, sobre todo pola gran cantidade de empresas que presentaron oferta (un total de 26).

Martínez aludiu á situación da Escola de Enxeñería porque a Xunta de Goberno acordou hoxe a aprobación dun cambio na titularidade de dúas fincas no expediente de expropiación realizado tralas alegacións presentadas polos interesados.

O construción da Escola conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros. Cunha capacidade para 100 alumnos, terá 4.500 metros cadrados de superficie construída e situarase entre a Avenida de Madrid e Pablo Iglesias.

En total, a Deputación expropiará 37.161 metros cadrados, unha superficie semellante a 3 campos de fútbol como o do Anxo Carro, achegando para elo 4,6 millóns de euros que, xunto ás obras da Escola de Enxeñería Civil, supón un investimento de máis de 7 millóns de euros na ampliación e mellora do Campus de Lugo.

Caldeira de biomasa en Ribas de Sil

A Xunta de Goberno aprobou o abono de 16.278 euros ó Concello de Ribas de Sil para instalar unha caldeira de biomasa para dotar de calor e enerxía ó edificio de Casa da Cultura. Esta actuación finánciase con cargo ó Plan Extraordinario de Obra Pública e ten un custe global de 26.078 euros, dos que o organismo provincial achega 16.278 (o 63% do total) e o Concello, os 9.800 restantes.

Tamén quedou aprobada a ampliación do prazo de execución dun convenio asinado o pasado mes de abril entre Deputación e Concello de Samos por valor de 253.000 euros para acometer melloras en estradas, traídas de auga e escolas, e a adquisición de dous tanques de auga. A Xunta de Goberno acordou así mesmo modificar o convenio que a Deputación firmou o 12 de maio deste ano coa Diocese de Lugo por valor de 64.000 euros, que ten como obxectivo dinamizar o sector turístico e a actividade económica, e contribuír á xeración de emprego. Para elo, difundirase e poñerase en valor unha das súas sinais de identidade, como é a exposición permanente do Santísimo Sacramento na Catedral, un feito polo que Lugo é coñecida como a Cidade do Sacramento. O cambio aprobado consiste na substitución da restauración e exposición do antigo Palio da Catedral pola restauración dos Anxos Lampadarios da capela Maior da Catedral e tamén das lámpadas.