Deputación de Lugo

Deputación e Xunta aproban o Orzamento 2012 do Consorcio de Bombeiros con case 5 millóns de euros

Besteiro e Rueda salientaron que o Presuposto increméntase en máis de 1 millón de euros con respecto a 2011 “pola incorporación antes do verán do parque de Monforte de Lemos ó Consorcio”O Orzamento contempla unha partida específica superior ós 500.000 euros para adaptar as instalacións monfortinas ás condicións dos restantes parques

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela, presidiron este venres o décimo Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros no que se aprobou por unanimidade o seu Orzamento para 2012 dotado de 4.782.499 euros, asumidos ó 50% por Deputación e Xunta de Galicia. O presuposto increméntase en máis de 1 millón de euros con respecto ó ano pasado, concretamente en 1.081.581 euros, debido á incorporación ó Consorcio do parque de bombeiros de Monforte de Lemos que Besteiro e Rueda situaron “antes do verán”. O Conselleiro destacou que “é un Orzamento moi importante e, para os tempos que corren, moito máis polo que é digno salientar a colaboración entre a Xunta e a Deputación de Lugo”. O Presidente afirmou que “creo que os retos que nos fomos marcando, fómolos cumprindo”.

Con respecto á vindeira integración de Monforte no Consorcio, Besteiro salientou que “esta é unha moi boa noticia para o sur e para toda a provincia. Agora é necesario acondicionar aquel espazo e as inmediacións do propio parque xa que, froito do paso do tempo, é preciso actualizalo. Non queremos que as instalacións de Monforte sexan distintas en calidade nin en prestación de servizos co resto dos parques da provincia”. Pola súa banda, Rueda subliñou que “imos empezar todas as actuacións para que o Consorcio asuma o último parque que quedaba co mesmo nivel”.

Deste xeito, o Orzamento aprobado hoxe contempla unha partida superior ós 500.000 euros para a mellora e á adaptación das instalacións monfortinas co fin de que este complexo teña as mesmas características cos outros 5 parques do Consorcio. Con este presuposto, adquiriranse 1 camión bul e outro lixeiro, quedando 4 vehículos preparados para cubrir emerxencias ó igual que nas restantes instalacións contraincendios. Tamén se mercará todo o material interior necesario, é dicir, dende mobiliario ou material informático ata traxes de protección ou ferramentas. Este investimento nas instalacións monfortinas respostan ás necesidades detectadas polos técnicos na súa visita a este complexo. Ademais, tamén se iniciará a selección de persoal para o parque.

Con esta previsión, o Consorcio aprobou un Presuposto no que os restantes 4 millóns de euros serán para a xestión do servizo durante os vindeiros 12 meses nos parques de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada, Sarria e Monforte para a cobertura contraincendios as 24 horas dos 365 días.

Máis de 300 intervencións

Gómez Besteiro explicou que “dende a posta en marcha dos 5 primeiros parques do Consorcio, é dicir dende o pasado 1 de maio, e ata finais de novembro, os 100 bombeiros recén contratados levaron a cabo 300 intervencións nos 50 Concellos da provincia no que prestan este servizo”. Estes municipios representan o 90% do territorio lugués. “A colaboracion entre os propios parques permitiunos actuar con moita máis eficacia que se fosen autónomos”, destacou o Presidente. Hai que lembrar que o ámbito territorial adscrito a cada un destes non exclúe que teña que actuar fóra dos límites do mesmo. A prestación do servizo para toda a provincia inclúe: incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.

Na zona norte, os parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro dan cobertura a 25 Concellos: Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove. Na zona sur, os de Chantada, Sarria e, en 2012 o de Monforte de Lemos, prestan servizo a outros 25: Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela.

Retos futuros

Nos 4 anos anteriores, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia puxeron fin á discriminación que sufría Lugo en materia de prevención ó deixar de ser a única provincia en Galicia que aínda non contaba con servizo contraincendios. A vontade da Institución provincial e o Goberno autonómico é ampliar progresivamente a cobertura ó 100% da provincia. Para o Presidente “é algo irrenunciable polo que traballaremos para acadar ese obxectivo pero probablemente non coa mesma fórmula debido ás condicións orográficas da zona”. Na mesma liña, o Conselleiro afirmou que “continuando con este mesmo modelo de colaboración Deputación e Xunta, podemos chegar a este obxectivo que será unha magnífica noticia”.

Asistentes ó Pleno

Ademais do Presidente e o Conselleiro, participaron no décimo Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros: Santiago Villanueva Álvarez, Director Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia; Raquel Arias Rodríguez, Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo; José Antonio Fernández López, Subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación da Consellería de Presidencia; Regina Polín, Deputada provincial; José Alfonso Fuente, Alcalde de Barreiros; Gerardo Criado, Alcalde de Vilalba; Carlos Gueimunde Cabaleiro, Concelleiro de Seguridade Cidadá e Protección da Comunidade en Viveiro; Xosé Manuel Ledo, Concelleiro de Chantada; José Antonio García López, Alcalde de Sarria; e José Antonio Mourelle Cillero, Secretario da Deputación de Lugo.