Besteiro visitará esta tarde a capela ardente de Fraga para trasladar persoalmente á familia as condolencias da Corporación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, visitará esta tarde a capela ardente da Manuel Fraga Iribarne situada en Madrid para, en nome da Corporación Provincial, trasladar persoalmente á familia as condolencias, así como para expresarlles o recoñecemento da institución luguesa ó político falecido. Besteiro salientou que catro claves definen fundamentalmente a biografía de Fraga: foi un home de Estado, protagonista da transición política, pai da Constitución e Presidente da Xunta, cargo que ostento durante 16 anos. Fixo historia e falaremos del nos próximos anos como un bo home e un bo galego.
Manuel Fraga Iribarne é Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da provincia. Por este motivo, e tendo en conta o artigo 7º do Regulamento de Honras e Distincións do organismo provincial, o Presidente aprobou esta mesma mañá un decreto polo que, entre outros puntos, resolveu:
Izar a bandeira da provincia a media asta e con crespón negro durante o tempo establecido para o sepelio.
Promulgar unha declaración institucional de condolencia na que se destaquen os méritos que concorren na figura de Manuel Fraga.
Remitir ó lugar establecido para as pompas fúnebres unha homenaxe floral da Deputación.