Deputación de Lugo

O Alcalde de Guitiriz impide á Deputación restablecer a legalidade nun cadro eléctrico que el mesmo denunciou

A institución solicitará á Subdelegación do Goberno o acompañamento das forzas de seguridade para posibilitar que técnicos provinciais e dunha empresa especializada corrixan os graves defectos provocados por unha manipulación ilegal da instalaciónAs anomalías actuais poden provocar morte por electrocutamento, polo o organismo non se responsabiliza dos posibles accidentes que poidan ocorrer derivados da actitude obstrucionista do AlcaldeO organismo advertiu por escrito ó rexedor e deulle o prazo legal estipulado para solucionar as irregularidades no cadro denunciadas por el mesmo e o Grupo Provincial do PP, sen que tomara ningunha medida ó respecto

O Alcalde do Concello de Guitiriz, Xosé María Teixido, impediu na mañá deste mércores que técnicos da Deputación de Lugo e dunha empresa especializada en proxectos eléctricos repuxesen a legalidade no cadro eléctrico da céntrica Rúa Deputación e garantisen a seguridade dos veciños, algo que o propio Teixido e tamén o Grupo Provincial do PP denunciaran en novembro. Ante a actitude obstrucionista do rexedor, o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, avanzou que “solicitaremos canto antes á Subdelegación do Goberno o acompañamento das forzas de seguridade para que poidamos corrixir os graves defectos provocados por unha manipulación ilegal da instalación da que non somos autores”.

A Deputación levantou hoxe acta notarial de que Teixido, acompañado de axentes da Policía Local, imposibilitou solucionar as irregularidades no cadro eléctrico, que representan un grave risco, pois poden provocar a morte por electrocutamento. Os técnicos provinciais que se desprazaron a Guitiriz incluso se viron na obriga de chamar á Garda Civil ante a actitude do mandatario local. “Polo tanto, a institución provincial non se responsabiliza dos posibles accidentes que poidan ocorrer polo comportamento irresponsable do Alcalde”, explicou Martínez.

A institución advertiu en xaneiro por escrito ó rexedor e deulle o prazo legal estipulado para solventar as deficiencias, denunciadas por el mesmo e polo Grupo Provincial do PP, sen que tomara ningunha medida ó respecto, “polo que nos vimos obrigados a reparalas, atopándonos con estupor que, os mesmos que denunciaron a situación, nos impiden agora solucionala”, indicou o Deputado de Xestión Territorial.

Manuel Martínez recalcou que as irregularidades no cadro eléctrico da Rúa Deputación están provocadas pola conexión ilegal de alumeados de catro rúas de titularidade municipal, mentres que as tres restantes dependentes do Concello e dúas máis da Deputación están en perfecto estado e non supoñen perigo algún.