Deputación de Lugo

30 rapaces coñecen a importancia fluvial de Terras do Miño na xornada didáctica organizada pola Deputación

Imaxe deputación de lugo
Os escolares, en moitos casos acompañados polos seus pais ou outros familiares, participaron ó longo desta tarde nun obradoiro dirixido por investigadores da USCA institución ofrecerá outra xornada medioambiental para cativos o 25 de febreiro con prazas limitadas que se poden reservar no 982-26-01-47 ou en lugo2@deputacionlugo.org

Trinta rapaces coñeceron este sábado, nunha xornada lúdica organizada pola Deputación, a importancia fluvial da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Para elo, dende ás 17:00 horas e ata ás 19:30 horas, desenvolvéronse diversas actividades no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no Paseo do Rato da cidade lucense. Os escolares, en moitos casos acompañados polos seus pais ou outros familiares, participaron nun obradoiro dirixido por investigadores da Universidade de Santiago durante o que traballaron nun manual elaborado para a ocasión sobre os ríos, e a súa fauna e flora. Ademais, fixeron unha visita guiada por Terras do Miño e tomaron unha merenda a base de produtos autóctonos.

O organismo provincial organizou para o vindeiro 25 de febreiro outra xornada co mesmo contido co celebrado hoxe que terá lugar, igualmente, no Centro de Interpretación, e está dirixida a nenos de entre 6 e 11 anos de idade. A inscrición xa pode facerse chamando ó 982-26-01-47 ou enviando un correo electrónico a lugo2@deputacionlugo.org. As prazas son limitadas, cun máximo de 30 persoas, e cubriranse por rigoroso orde de inscrición, polo que os rapaces que queiran participar deben apuntarse canto antes.

Este ciclo de obradoiros forma parte dun plan de actuación que a Deputación desenvolve ó abeiro dun convenio que asinou co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, espazos protexidos pola UNESCO dos que o a institución luguesa é a máxima responsable. Un dos obxectivos fundamentais deste plan é difundir entre a cidadanía en xeral, nenos e maiores, así como entre os profesionais dos sectores vinculados a todo o relacionado co medio ambiente, en particular, as características e recursos das Reservas da Biosfera, buscando, deste xeito, a implicación da sociedade para garantir a conservación, a xestión sostible e a posta en valor do patrimonio natural da provincia.