Deputación de Lugo

A Deputación mellorará a conectividade a Internet e instalará a factura electrónica nos Concellos con fondos europeos

A Xunta de Goberno aprobou a renovación do cableado que, aforrando custes cunha soa contratación, suporá unha administración electrónica máis áxil con 100 megas de velocidadeA sesión adxudicou o “E-fácil” que permitirá, en 6 meses, reducir o prazo de pago ós proveedores dos municipios que se sumen á iniciativa e reducir o da Deputación ata os 25 díasO Deputado de Xestión Territorial avanzou que, malia non rexistrarse incidencias na rede viaria provincial polas baixas temperaturas, a institución mantén despregado un dispositivo de 30 operarios e 15 vehículos, así como 12 silos con 360 toneladas de salMartínez amosou “o alivio” do Goberno provincial polo achago dos corpos dos 3 policías lugueses vítimas da traxedia do Orzán e destacou que “so nos queda reiterar o noso sentir ás familias, estando presentes en todos os actos na súa memoria que terán lugar estes días”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este venres as vindeiras dúas actuacións tecnolóxicas que desenvolverá a Deputación en Lugo mediante fondos europeos logo da súa contratación na Xunta de Goberno de hoxe. Trátanse da mellora da conectividade a Internet en todas as dependencias provinciais e nos 49 Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE, así como da implantación da factura electrónica tanto nas instalacións do organismo como en todos os municipios lugueses que desexen adherirse á iniciativa.

Para elo, Martínez anunciou, en primeiro lugar, que a sesión aprobou a contratación da renovación do cableado no edificio de San Marcos por valor de 234.820 euros, procedentes do Innova-TE 2, o programa tecnolóxico dotado de 9 millóns de euros, cofinanciados nun 70% pola Unión Europea. Martínez explicou que con esta actuación, a institución crea unha “rede única” de conectividade a Internet cuxo centro estará no Pazo Provincial ó situarse nestas instalacións o Centro de Proceso de Datos, o denominado CPD, é dicir, o corazón tecnolóxico que almacena e centraliza toda a información e que fai posible a Administración Electrónica ou, o que é o mesmo, a administración aberta ás 24 horas dos 365 días.

Esta “rede única” conleva as seguintes vantaxes:

1.- Incremento da velocidade de conexión á Rede pasando, por exemplo no caso dalgún departamento provincial, dos 8 megas actuais ós 100 megas, que se levarán ós municipios adheridos ó Innova-TE, con dependencia das condicións orográficas da zona.

2.- Isto leva aparellado, unha administración electrónica moito máis áxil, ó multiplicar por 12 a velocidade de resposta ós cidadáns que realicen os 154 trámites coa Deputación e cos Concellos implantados coa primeira parte do programa tecnolóxico da institución luguesa.

3.- Un significativo aforre de custes ó realizar un só contrato para dar conectividade á e-administración nas instalacións provinciais e nos municipios sumados ó Innova-TE.

Estes son os seguintes: A Fonsagrada, A Pastoriza, Pobra do Brollón, A Pontenova, Abadín, As Nogais, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, Foz, Friol, Guitiriz, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Corgo, O Incio, O Páramo, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas do Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro. Só o rexeitaron 17 Concellos, xa que o de Lugo non entrou no proxecto ó contar cun plan propio, todos do Partido Popular: Xove, Xermade, Vilalba, Trabada, Pantón, Outeiro de Rei, Ourol, O Vicedo, O Valadouro, O Saviñao, Guntín, Folgoso do Courel, Cospeito, Bóveda, Barreiros, Antas de Ulla e Alfoz.

Factura electrónica

Segundo lugar, o tamén Deputado de Xestión Territorial indicou que a sesión acordou ademais, a contratación do “E-fácil”, o programa que permitirá a implantación da factura electrónica tanto na Deputación como nos Concellos da provincia que desexen sumarse ó proxecto. Martínez explicou que se trata dunha actuación dotada de 280.125 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo no marco do Plan Avanza “Despregamento de solución Avanza Local”, do Ministerio de Industria e Turismo. Este novo sistema de xestión administrativo, que estará a pleno rendemento en 6 meses, o prazo máximo de execución deste contrato, conleverá claras vantaxas tanto para os empresarios como para o organismo provincial e as entidades locais:

1.- Permitirá aforrar cartos e tempo ás PEMES que teñan contratado un servizo coa Deputación e coas entidades locais, así como axilizar o procedemento administrativo, reducindo o prazo de pago ós proveedores. Para elo, a institución luguesa proporcionará, de forma totalmente gratuíta, ás entidades locais e ós empresarios colaboradores a aplicación tecnolóxica necesaria para a tramitación das facturas vía Internet. Isto terá unha consecuencia directa na diminución do tempo de pago. No caso da Deputación, reducirase en 10 días con respecto ó actual, é dicir, non superará os 25 días.

O voceiro destacou que a boa xestión levada a cabo nos últimos catro anos permitiu que hoxe en día, a Deputación de Lugo se sitúe á cabeza das administracións que menos tardan no proceso de pagamento, incluso por diante da Xunta, cuxo prazo de pago é de 39 días. Dende 2008 pasouse de pagar nun prazo de 88 días en outubro de 2008 -case 3 meses- a 33/35 días en 2011, anticipándose incluso ós prazos fixados pola Lei contra a morosidade de 2010 que obriga a que as administracións paquen ós proveedores en 50 días. Polo que respecta ás outras Deputacións, a de Pontevedra estáo a facer en 60 días -2 meses-, a de Ourense en 120 -4 meses-, e a de Coruña en 32 días.

2.- Coa implantación deste sistema, a Deputación contribuirá a facer máis rendibles as PEMES aforrándolles os custes directos e indirectos que ata o momento teñen que asumir á hora de tramitar a factura tradicional, como adquisición de papel ou gastos de envío.

3.- Amentará a eficacia, a rapidez e a transparencia da xestión administrativa da factura, xa que a súa presentación e consulta do proceso no que se atopa poderá facerse as 24 horas.

4.- Aporta maior seguridade na tramitación porque a probabilidade de falsificación é mínima e diminúe tanto a marxe de erro humano como a posibilidade da perda de información ou extravío de documentos.

Temporal

O Deputado informou que, malia non rexistrarse ata o momento ningunha incidencia nas estradas, a Deputación mantén despregado as 24 horas dos 365 días ó ano un dispositivo de vixilancia na rede viaria provinciais, a máis extensa de España con máis de 4.000 quilómetros. Neste intre, hai 30 operarios e 15 vehículos para atender os problemas que poidan ocasionarse con motivo das actuais baixas temperaturas. A institución conta, a maiores, con 12 saleiros situados en puntos estratéxicos doutros tantos municipios, concretamente en Cervantes, Becerreá, O Courel, Ribas do Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita e Lugo, que se atopan cheos con 360 toneladas de sal. Cada silo ten unha capacidade para 30 toneladas que se van empregando segundo as necesidades. Ata o momento, no que vai de inverno, o organismo provincial só tivo que repoñer sal en zonas da Montaña. Martínez avanzou que a Deputación ten reservada unha partida económica de 80.000 euros para adquirir 1.000 toneladas de sal se fixesen falta.

“Feijóo resignado”

Ante as últimas cifras do paro onde Galicia superou a media de destrución de emprego en España cun 5,05% fronte ó 4,01% do país e logo das declaracións ó respecto que realizou o Presidente do Goberno galego, o voceiro provincial instou a Feijóo a que “deixe de estar resignado ante a crise e de lamentarse, poñendo en marcha, dunha vez por todas, medidas que creen emprego. Lémbrolle ó señor Feijóo que é titular da Xunta, administración galega con competencias directas en material laboral xa que, despois de 3 anos, non debe estar ó corrente das súas responsabilidades porque, seguindo coa súa política E para Lugo dende a Xunta nin un só euro, non só non fixo nada na provincia senón que bloqueou as iniciativas xeradoras de traballo da Deputación. Son exemplo delo, a nosa rede de residencias públicas para a que dispoñemos de 15 millóns de euros ou o Plan de Emprego para a Mariña que aprobamos no Pleno”, sentenciou.

Traxedia no Orzán

Os voceiro socialista comezou a rolda de prensa mostrando o alivio do Goberno provincial pola aparición dos corpos dos 3 policías lucenses vítimas da traxedia do Orzán, e esperando que ocorra o mesmo co estudante eslovaco que segue desaparecido. “O seu achado é un pequeno alivio para as familias e amigos nestes momentos de intensa dor”, destacou. Logo de decretar tres días de loito dende o pasado sábado e ata o luns, tempo no que as bandeiras da Deputación ondearon a media hasta con crespón negro, e tras a declaración institucional aprobada por unanimidade no Pleno en recoñecemento do acto heróico dos axentes e remitida polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, ás familias como mostra de solidariedade, Martínez indicou que “a este Goberno provincial só lle queda reiterar o noso sentir e afecto a todos os seres queridos dos nosos veciños, estando presentes en todos os actos na súa memoria que terán lugar estes días”. Deste xeito, a Vicepresidenta Segunda e o Vicepresidente Primeiro, Lara Méndez e Antonio Veiga, participarán esta tarde na imposición da Medalla de Ouro ó Merito Policial a Rodrigo Maseda que terá lugar na Casa da Cultura de Burela. Mañá, os Deputados Regina Polín e Álvaro Santos asistirán á cerimonia relixiosa por José Antonio Villamor, veciño de Friol, ó igual que a fin de semana pasada o fixo Gómez Besteiro con motivo do último adeus a Javier López na Fonsagrada.