Deputación de Lugo

A Deputación estima que o centro de recría xerará un volume de negocio de 3 millóns ó ano no sector gandeiro da provincia

Segundo os prezos reais de mercado, unha xovenca ó acabar a recría –con 24 meses- ten un valor de 2.000 euros, e das instalacións do organismo lugués sairán 1.500 reses ó anoA actividade económica que se xerará en torno ó centro de recría, coa compra de alimento e material, ou a contratación de persoal, quedarase na provincia, subliñou o Presidente, que clausurou na Granxa Gayoso Castro unhas xornadas agrogandeirasUnhas 150 persoas participaron no seminario, que organizou a institución provincial e tratou sobre o proxecto do centro de recría, a nova PAC e o tratamento de xurros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este xoves unhas xornadas agrogandeiras organizadas polo organismo provincial na Granxa Gayoso Castro, ás que asistiron ó redor de 150 persoas e nas que se abordou o proxecto do centro de recría que impulsa a institución luguesa, a nova Política Agraria Común e o tratamento de xurros. No acto, Gómez Besteiro anunciou que as estimacións da Deputación apuntan que o futuro centro de recría, o primeiro público que funcionará en España, “xerará un volume de negocio de 3 millóns de euros ó ano no sector gandeiro da provincia”, tendo en conta que, segundo os prezos reais de mercado, unha xovenca ó acabar a recría –con 24 meses- ten un valor de 2.000 euros e das instalacións que constrúe a Deputación poderán saír 1.500 reses ó ano.

Co centro, a actividade económica xerada coa recría quedará na provincia, pois a alimentación e os materiais compraranse na zona, e os veterinarios e o persoal que atendan ós animais serán de Lugo, segundo o Presidente. Por exemplo, o alimento consumido durante un ano polas 3.000 reses para as que terán capacidade as instalacións que a Deputación levanta en Castro de Rei ten un custe de preto de 900.000 euros, e será adquirido na provincia, polo que se xerará mercado.

“A pesar de estar en tempos de crise, temos que seguir pensando con intelixencia en proxectos de futuro e xuntar esforzos para frear o despoboamento que estamos a sufrir na provincia e garantir a rendibilidade do campo. Por iso, na Deputación buscamos iniciativas que axuden a revitalizar o rural, como é o centro de recría, que ademais daralle un forte impulso a un proceso que xa se vén facendo dende hai anos: o aumento da capacidade produtiva das explotacións incrementando o tamaño das cabanas, mellorando a calidade dos animais e controlando estritamente factores como a sanidade, a reprodución ou a alimentación”, argumentou o Presidente.

Xunto ó volume de negocio que pode xerar o centro de recría, Besteiro destacou outras dúas vantaxes que terá esta ambiciosa iniciativa:
Aforro de custes. Os gandeiros aforrarán unha media de 300 euros por cada becerra que recríen nas instalacións, en lugar de facelo na propia explotación ou noutro centro.
Coa infraestrutura “recriarase máis e mellor”, asegurou Gómez Besteiro, argumentando que, por unha banda, o centro de recría terá capacidade para 3.000 xatas, o que triplicará a capacidade dos 14 centros existentes na actualidade en Galicia, que a día de hoxe non cobren a demanda existente. Tamén evitará que os animais teñan que ser importados doutros centros de recría de España ou do resto de Europa, o que supón un esforzo que para moitos gandeiros é difícil de facer. Por outra banda, a recría nun centro deste tipo supón a mellora da calidade dos animais e garante o control sanitario e o benestar do rabaño.

Aposta decidida, a pesar de non contar coa Xunta
As obras da primeira fase do centro de recría, que contan cun orzamento de 6 millóns de euros, avanzan a bo ritmo, e unha vez finalizadas, a Deputación poñerá en marcha as sucesivas fases, que precisarán dunha inversión doutros 6 millóns de euros. O Presidente confirmou que a aposta por este proxecto “é decidida e sólida”, a pesar de que a Deputación non é a responsable das competencias en medio rural e de que ten que afrontar esta inversión en solitario “porque o Goberno galego segue gardando silencio, e iso que o tratamos de implicar dende o primeiro momento, posto que esta é unha iniciativa que revolucionará o campo galego”.

Na clausura da xornada celebrada hoxe en Gayoso Castro e titulada O Medio Ambiente e a nova Política Agraria Común, acompañaron ó Presidente: Miguel Ángel Fernández, director da Granxa, e Elena Iglesias, a delegada en Lugo de Tragsa, a empresa adxudicataria da execución do centro de recría. Tras este acto, celebrouse unha visita guiada ás obras.

A nova PAC e as alternativas na xestión de xurros
Co seminario, a Deputación reforza as accións formativas que vén organizando na Granxa co obxectivo de contribuír a profesionalizar o sector agrogandeiro lucense e mellorar a súa rendibilidade. Ademais da charla e a visita guiada ás obras, a xornada incluíu unha conferencia sobre a nova Política Agraria Común, que ofreceu o secretario de Organización do sindicato Unións Agrarias, José Rodríguez Blanco, e outra sobre as alternativas na xestión de xurros, a cargo de Luis Abia Aguilá, xerente de Enxeñería Ambiental de Novotec Consultores, unha das consultoras máis prestixiosas de España.

Con respecto á charla sobre a PAC, Rodríguez Blanco explicou ós asistentes as modificacións da reforma desta normativa, a política común máis importante, que está en pleno debate no seo da Comisión Europea e que estará en vigor entre 2014 e 2020. O sindicalista destacou tres cuestións claves da nova PAC:
- A redución do orzamento, o que suporá que cada profesional perciba menos axudas.
- O cambio nos criterios para o reparto das axudas, xa que, de facerse en función da produtividade, pasa a terse en conta en exclusiva a superficie do terreo. Isto, destacou, “será negativo para Galicia, xa que na actualidade hai moita terra abandonada e non se está facendo unha boa xestión ó respecto”.
- Rodríguez Blanco tamén apuntou que non incentiva o traballo, nin o dos mozos, nin o das mulleres.

Así mesmo, o secretario de Organización de UU.AA., explicou que se premiará “a aqueles profesionais que utilicen criterios medioambientais, sen embargo, as esixencias son moi altas, xa que as explotacións deben producir polo menos 3 cultivos distintos. Galicia ten pouca superficie e sería un pouco máis complicado alcanzar o que chaman Complemento Verde, que leva consigo un aumento do 30% na axuda”.

José Rodríguez sinalou tamén que Galicia “é a comunidade autónoma española que menos percibe das axudas da PAC”. Como exemplo, puxo que “un gandeiro de Aragón, onde máis perciben, cobra una media de 9.000 euros por explotación, cando en Galicia un gandeiro cobra 2.000”. Dende o sindicato, piden ó novo Goberno central, “que son os que estarán nas negociacións, que se valore a superficie de Galicia con respecto a outras comunidades españolas, pois o terreo ten uns condicionantes distintos e máis favorables”.

En canto á xestión de xurros, Luis Albia indicou que “a presión das actividades agropecuarias sobre o solo, a necesaria protección dos acuíferos subterráneos, pero sobre todo o aproveitamento e a posta en valor dun recurso natural, xustifican o interese no desenvolvemento e implantación de técnicas e medidas de adecuación para os xurros”. “A tecnoloxía trata de ofrecer alternativas, que teñen como finalidade converter este residuos en fertilizantes e elementos que contribúan de maneira racional ó equilibrio do ciclo biolóxico”, recalcou.