Deputación de Lugo

O programa Km0 mostra esta semana a 200 veciños da provincia os atractivos de Viveiro, Foz, O Vicedo, Palas e Guntín

Os participantes coñecerán os recursos naturais, culturais e económicos destas localidades das comarcas da Mariña, A Ulloa e Lugo nas catro rutas organizadas entre hoxe e mañá O Presidente recibiu esta mañá a 55 integrantes da asociación Achégate da parroquia lucense de Bascuas e a 48 membros do colectivo sociocultural A Labradía de Ribas do Sil, que viaxaron á Costa

O programa medioambiental Km0 da Deputación mostrará a 200 veciños da provincia nas catro rutas organizadas para esta semana os recursos e atractivos naturais, culturais e socioeconómicos de Viveiro, Foz, O Vicedo, Palas e Guntín. Nos itinerarios por estas localidades, pertencentes ás comarcas da Mariña, A Ulloa e Lugo, participarán integrantes de tres colectivos sociais do Concello lucense, Ribas do Sil e Sober, e un grupo de persoas inscritas de maneira individual.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu esta mañá no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ós dous primeiros grupos da semana: 55 membros da asociación Achégate da parroquia lucense de Santa María de Bascuas e a 48 integrantes do colectivo sociocultural A Labradía de Ribas do Sil, que en ámbolos dous casos viaxaron á Costa de Lugo. Trala recepción, os veciños de Bascuas coñeceron a olería de Bonxe para desprazarse despois a Viveiro, onde comeron no restaurante Louzao e visitaron a lonxa de Celeiro, a praia de Covas e o obradoiro de xoias de Óscar Rodríguez. Pola súa banda, o grupo de Ribas de Sil estivo no barrio lucense de Piago e, xa en Foz, achegouse ós areais de Llas, A Rapadoira, Altar e Arealonga. A comida tivo lugar no restaurante Leyton da localidade mariñana.

Palas, Guntín e O Vicedo son os destinos dos itinerarios de mañá mércores, que realizarán 48 integrantes da Asociación de Veciños de Santo Estevo de Sober e un grupo de 48 persoas inscritas de maneira individual. O colectivo soberino redescobrerá as localidades de Palas e Guntín cunha ruta que, tras unha visita ás instalacións da Fundación TIC, inclúe paradas no Castelo de Pambre, Vilar de Donas, a empresa Alibós Galicia e o Mosteiro de Ferreira de Pallares. O grupo comerá no restaurante Parada das Bestas de Pidre. En canto ós veciños inscritos de xeito individual farán un percorrido que arrancará no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación e continuará, xa na Costa, cunha comida no restaurante vicedense Area Grande e con paseos pola ría do Vicedo e a Ponte do Ferro, Estaca de Bares e a ruta de Morgallón.